Opinión

Lola Ferreiro

Lola Ferreiro, feminista. Lemos, Lola Ferreiro, médica, psiquiatra, profesora, mais en primeiro lugar dicimos: Lola Ferreiro, feminista.

Querida Lola, non nos habituamos a falar de ti en pasado. Segues aquí, entre nós, entre nosoutras. As túas ideas, os teus libros, as túas achegas en Nós Diario, as reflexións sobre o significado de coeducación, sobre o xénero e a súa construción, sobre o patriarcado, sobre as múltiples violencias sociais, fican en nós. Continúan as túas accións, o teu activismo e as consecuencias nas nosas vidas. Ti formabas parte do impulso da fundación en outubro de 2011, por Patricia Porto Paderne e Mon Vilar, da primeira, e de momento a única, libraría feminista de Galicia, a Lila de Lilith, que xa desde o seu nome proclama a rebeldía das que non nos axaldamos ao papel que o patriarcado nos ten asignado.

A Lila de Lilith ven organizando desde entón, xunto con Encarna Otero e as feministas de Compostela, unha Mullerenaxe –creo non equivocarme ao dicir que a ti debemos este neoloxismo– todos os 18 de xullo ás irmás Maruxa e Coralia Fandiño Ricart. Ti sabías que os nomes, as palabras coas que nomeamos o mundo, as palabras coas que nos nomeamos, son importantes. Pensamos con palabras e no empeño feminista por mudar a sociedade unha ferramenta son as palabras: para honrar mulleres como as irmás Fandiño é acaído un termo que non agoche seren mulleres.

O teu propósito de rescatar mulleres do esquecemento daba a comezos de cada novo ano o froito dun fermoso calendario que nos enviabas, co lema Pola Terceira República e historias de mulleres na páxina de cada mes. Aínda que non podemos nos acostumar a unha paisaxe sen ti, a túa voz resoa nos avances do movemento feminista nas últimas décadas, nas resistencias á onda que pretende facernos retroceder. En cada novo dilema, preguntámonos: Que diría, que faría Lola Ferreiro? Segues en nós. 

Comentarios