Opinión

Leccións do bipartito

Coa vista posta nas eleccións de 2028, unhas notas apresuradas sobre o 18-F. Parabéns para o BNG, resultado de anos de traballo e dunha campaña que logrou ilusionar os votantes, sobre todo a xente máis nova. Porén, como dixo Ana Pontón na noite electoral, isto non foi suficiente, e o PP conserva a maioría. 

No horizonte dun futuro de cambio, creo que hai dúas opcións entre bipartito de esquerdas (reloaded) ou bipartidismo. Entre 2005 e 2009 houbo un goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG que é necesario reivindicar: acadou logros como unha CRTVG entendida como servizo público, en contraste cos 300 Venres Negros; medidas para un mellor funcionamento da sanidade pública, que non fixo senón retroceder desde entón; unha política decidida de apoio á lingua e a cultura galegas, materializada por exemplo na lexislación sobre educación, tronzada polo decreto de trilingüismo; un proxecto de ordenación territorial para frear o despoboamento do rural, con iniciativas como o banco de terras de Alfredo Suárez Canal. Catro anos foron insuficientes para mudanzas estruturais, e a campaña contra ese goberno un exemplo de fake news antes de popularizarse o termo. Lembrar o acadado, para visualizar que unha coalición de esquerdas é posíbel e, para que se produza o cambio en Galicia, necesario.

A outra alternativa é o bipartidismo, segundo o deseño de Manuel Fraga, que non satisfai a parte dos votantes. O 23-X a esquerda acadou máis votos que a dereita, 807.495, mais o 18-F a suma é 706.780, cen mil menos. Hai transvase de votos desde PSdeG e Sumar cara ao BNG, mais seica hai tamén máis de cen mil votantes de esquerdas que ficaron na casa. A mobilización de todo ese voto é indispensábel, e para facelo cómpre poñer en primeiro termo a competencia virtuosa, a cooperación. Coa vista posta nun país no que a mocidade teña traballo aquí, no que o galego sexa considerado un tesouro.

Comentarios