Opinión

Benqueridas alimarias

Benqueridas alimarias: cantas decisións da miña vida tomei da vosa man! Estudei bioloxía coa intención de pasar a vida entre bichos. Fiquei engaiolada coas alimarias de Galicia durante traballos de campo nas fragas de Donís e en Monteferro. A miña intención de facer unha tese sobre réptiles non puido realizarse; despois, a causa dun encontrón cun catedrático de entomoloxía e do encontro cuns escaravellos fíxenme galega.

Debéndovos tanto, defendereivos de Altri. Agradezo os datos á sabedoría de quen escribe chíos como Dryopteris guanchica. Saber é importante; compartilo aínda máis. Dryopteris armou un fío sobre o mexillón de río e a aguaneira. Quero chamar a atención sobre outras pequenas alimarias, especies que segundo a Rede Natura se encontran na Zona de Especial Conservación da Serra do Careón.

Podería achegar moitos argumentos en defensa dos anfibios, só direi que para min son fermosos –si, os sapos tamén– e que controlan as poboacións de insectos. Altri debería demostrar que a macrocelulosa non vai afectar á pequena saramaganta, Chioglossa lusitanica, especie endémica de Galicia, Asturias e norte de Portugal, de status vulnerábel. Vive en regos e zonas húmidas, de auga limpa. Hai máis de dez anos que non a vexo. As ameazas para o sapo raxado, Discoglossus galganoi, radican na desaparición ou alteración dos seus hábitats.

A vacaloura é un dos poucos insectos dos que moita xente coñece o nome; menos coñecido é ser especie ameazada, sobre todo pola diminución das carballeiras. 

Non podo citar todas as especies que Altri poñería en risco, mais acabo con dous morcegos de ferradura do xénero Rinolophus, grande e pequeno, que viven nos ríos e nos queirogais. Sobre eles pesan tantos estereotipos como sobre os anfibios, porén son fermosos e necesarios nos ecosistemas. Altri é incompatíbel coas alimarias que alegran a nosa vista e fan parte da natureza galega.

Comentarios