Opinión

Aprendendo de México

A beleza das paisaxes. A fascinante arqueoloxía. A xenerosidade co exilio republicano. A laicidade. Chilaquiles, “gusanos” do maguey, chile en nogada, guacamole, tamales, chapulines, quesadillas, unha das cociñas máis sofisticadas do mundo, se non a que máis. Os estoupidos de cores na artesanía. Tanto que aprender de México, tantos estereotipos racistas por desterrar. Pois ao maltrato das migrantes que con sutileza narra Brenda Navarro en Ceniza en la boca, cómpre engadir o desprezo a este e outros países de América Latina aos que moita xente mira por riba do ombreiro ou, como mínimo, con paternalismo, perdoándolles a vida.  

A Feira Internacional do Libro de Guadalajara, no estado de Jalisco, na que participei estes días, xunto con Brais Lamela e Berta Dávila, non se parece á case ningunha outra, lugares de comercio, negociación de dereitos e actos entre escritoras e escritores. Habendo todo iso, a singularidade da FIL reside na inserción na sociedade, abríndose a clubs de lectura e, sobre todo, ás escolas a través dos Ecos da FIL. A FIL é organizada pola Universidade de Guadalajara, e en México as escolas públicas, tanto as de primaria como as de secundaria, chamadas Preparatorias, forman parte da universidade.

O alumnado vai á FIL e as escritoras e escritores visitan as escolas. Conversar co alumnado dunha Preparatoria é unha experiencia que non se esquece, aprender da flexibilidade do currículo, das materias como Dereitos humanos, dos obradoiros nos que, por exemplo, elaboran libros artesanais, as “Cartoneiras” sobre menstruación, diversidade sexual, ou dereitos LGTBI.

Nas últimas décadas México experimentou un crecemento económico e mudanzas aceleradas. Hai insoportábeis desigualdades, como en grande parte de América Latina, e violencia, sobre todo contra as mulleres. Con todo, é preciso mudar unha ollada condescendente polo ánimo de aprender.

Comentarios