Opinión

Anatomía dunha caída

Anatomía dunha caída da cineasta francesa Justine Triet é cine en estado puro: contar unha historia en imaxes, suxerir moito máis do que aparece a primeira vista. É un drama e, como eu non creo nas etiquetas dos "xéneros" nin na literatura nin nas películas, non a etiquetarei como thriller dun xuízo, aínda transcorrendo nun xuízo gran parte dela. Como outros filmes de Justine Triet nárrase a través de palabras e longos silencios, de olladas e acenos. Ao tempo, como outros anteriores, a protagonista é unha muller independente, que non responde á representación social de "muller", sendo castigada por iso. Unha muller escritora de éxito –de máis éxito que o seu compañeiro, polo que en certo intre é acusada de "castradora"– bisexual, a quen preocupa menos a opinión sobre ela que posuír tempo para escribir. Para min é unha película feminista, como son feministas as de Céline Sciamma, polo que conta e por como o conta, sen precisar mensaxes explícitas. Isto é feminismo, unha forma de ollar o mundo, a sociedade, a complexidade das mulleres. O traballo de actrices, Sandra Hüller, e actores é magnífico.

O filme recibiu a Palma de Ouro en Cannes e podería competir polo Oscar, de non ser porque Francia decidiu enviar outra película. Non teño a certeza de se nesta decisión pesou o compromiso político de Justine Triet, que apoia as mobilizacións sociais e non se morde a lingua no intre de criticar a política cultural de Macron. O certo é que o presidente non a felicitou polo galardón. Triet foi unha das impulsoras en 2018 do Colectivo 50/50 que promove a igualdade entre mulleres e homes no audiovisual, do que tamén forman parte Sciamma, Virginie Despentes e Julie Ducournau, primeira directora francesa en acadar a Palma de Ouro en 2021.

Cómpre subliñar que é posíbel ver Anatomía dunha caída, nalgunhas salas como Numax, con subtítulos en galego. Viva o cine!

Comentarios