Opinión

Ímoslle xuntas…

N este 8-M, Día Internacional das Mulleres, cómpre saír á rúa para visibilizar as loitas e reivindicacións do feminismo galego ao longo de todo o ano. A Marcha Mundial das Mulleres chama a mobilizarnos nas cidades e vilas de Galiza co lema "Feminismo organizado para varrer o patriarcado". 

É ás mulleres ás que nos toca outra vez varrer, sería bonito pensar que todo ser humano estaría disposto a coller a vasoira para varrer, limpar, adecentar... en definitiva para traballar en calquera das acepcións que lle deamos á palabra varrer. Mais tamén é verdade que este lema do 8-M é tamén unha homenaxe e un agradecemento ás compañeiras da limpeza de Lugo pola súa loita, logo de catro meses de folga indefinida, na consecución de melloras salariais. A súa resistencia é un exemplo para toda a clase traballadora e representa a forza da loita feminista contra a precariedade e a explotación nun sector básico e esencial e maioritariamente feminino, como é o da limpeza. Sen esquecer que o desemprego segue a ter nome de muller. Segundo soubemos hai dous días 60% das persoas rexistradas como paradas son mulleres.

Cómpre, un ano máis, encher as rúas de xente e de berros para avanzar na igualdade, para frear a ofensiva ideolóxica contra os nosos dereitos, contra a fenda salarial, contra a violencia machista, a transfobia e a precariedade.

Neste 8-M unha lembranza moi especial para as nosas compañeiras feministas de Palestina que contra o xenocida Estado de Israel berran "Non hai terra libre sen mulleres libres". 

O 8-M, e todos os días, nas rúas e en todos os espazos, non nos importa coller a vasoira porque ela é unha ferramenta de gran valor simbólico, ferramenta capaz de converterse en instrumento que permitiu levantar o voo a aquelas mulleres transgresoras, disidentes, e indómitas, ás que eles chamaron bruxas, levantar o voo a novos lugares de liberdade que entre todas, e durante séculos, fomos construíndo.

Ti que me levas
eu que che axudo
ímoslle xuntas
ao cabo do mundo

Comentarios