Opinión

É tempo de alborada

Hai hoxe 47 anos, un 15 de febreiro de 1977, ducias de labregas enfróntanse a paraugazos á Garda Civil nas Encrobas. Producíase así a maior revolta agraria das últimas décadas, cando o pobo lle fai fronte ás forzas represivas con sachos e paus e zoupan con paraugas nos gardas civís.

Hoxe levanteime con ganas de levarlle a contraria ao mismísimo Castelao: "O galego non protesta, emigra". E seguimos emigrando, nos últimos 15 anos, duascentas mil mozas e mozos galegos tiveron que marchar fóra buscar o traballo que aquí non atopan. Mais o galego, a galega, protesta, fíxoo sempre. Somos calquera cousa menos un pobo submiso. Hai 600 anos, galegas das aldeas, das vilas e cidades levántase contra o poder porque chegara o momento en que os gorrións habían de correr tralos falcóns, podemos mirar cara ao último século e as revoltas do pobo galego son continuas.

Nas zonas rurais, Oseira, Nebra, Sofán, Sobredo ou nas cidades acompañadas do pobo enteiro, ou soas as mulleres, fan fronte ás inxustizas, aos abusos. En Nebra, en 1916, érguese unha gran mobilización contra o cobro de abusivos e inxustos impostos e unhas trescentas labregas enfróntanse aos caciques e ás forzas represivas; en 1922, uns dous mil labregos e labregas, convocadas a golpe de badaladas, solidarizaríanse en Sobredo cun veciño que se negaba a pagar os foros, arengando en favor da terra para quen a traballa. E mentres as cidades eran un fervedoiro e, nestas revoltas, o protagonismo feminino foi total. En 1918, na Coruña, centenares de mulleres asaltan almacéns e enfróntanse aos acaparadores de alimentos, e uns meses despois, prodúcese a Revolta das pedradas en Trasancos

Cando fixo falta, o pobo galego sempre estivo aí, poñendo a forza e a enerxía transformadora na procura da Alborada:

Vaite, noi-
te,—vai fuxin-
do.—Vente auro-
ra,—vente abrin-
do,—co teu ros-
tro,—que, sorrin-
do,—¡¡¡a sombra espanta!!!

Comentarios