Opinión

O lume: incerteza, impotencia e dor

Un dos pesadelos recorrentes que foi acompañando a humanidade ao longo dos milenios é a perda do noso fogar. As lembranzas, as nosas posesións, as vivencias en cada cuarto; cando todo iso queda atrás porque só podemos fuxir para salvar a vida.

Por veces, os pesadelos viran realidade. Estes días escoitabamos testemuñas aterradoras de quen tiña que abandonar a súa casa porque o lume ameazaba a súa vivenda. Que coller? Documentación, medicamentos, os álbums de fotos... É imposible poñerse na pel de quen ten que facer a dolorosa escolla do que deixa atrás sen saber se volverá recuperalo ou non. Deixar o gando ou a cadela que se agochou co medo e non aparece.

Galiza sofre unha vaga de lumes que nos encolle o corazón. Lamentablemente, non é un suceso inédito; as escenas resúltannos familiares e as emocións expresadas son coñecidas: rabia, dor, frustración, impotencia... Ben seguro que a prioridade é salvar as vidas humanas, pero é comprensible ese enfado das persoas evacuadas que reclaman poder axudar a protexer as súas casas, os seus animais, o seu modo de vida. A obriga de inacción nestes casos resulta revitimizadora, porque o natural é sentir que se pode facer algo máis e que ninguén vai coidar do noso como nós mesmos. A inactividade, con esa sensación de indefensión por non ternos permitido axudar, engade máis dor a un proceso de inmensa tensión e sufrimento.

Como psicólogas, sabemos que nas emerxencias, o manexo da información é crucial para non causar máis dano a quen está a sufrir. A evacuación é un proceso doloroso, porque significa abandonar algo tan importante como é a vivenda, asumindo que é posible que non se poida recuperar. Neste tipo de situacións, ofrecer información veraz así como a oportunidade de ser útiles sen arriscar a vida (existen alternativas seguras nas que as persoas poden colaborar para evitar esa espera pasiva tan dolorosa) serven para aliviar ou, cando menos non agravar, o impacto psicolóxico do suceso crítico que están a vivir. 

Con máis de 50 aldeas evacuadas e milleiros de persoas fóra dos seus fogares polos lumes, a dor é compartida. A posibilidade de perder a vivenda, para as persoas, resulta devastadora. Non só a necesitamos porque nos acubilla, senón que é un lugar seguro para nós, tanto física como psicoloxicamente. De feito, cando xogamos a pillar, de cativos, dicimos "casa" como espazo de seguridade no que non nos poden apañar, onde estamos protexidos de todo. A perda do fogar é a perda dos nosos cimentos, da nosa propia identidade.

E a desolación medra cando vemos as extensións dos terreos ardendo baixo as lapas; linguas de lume que asolan carballos milenarios, castiñeiros... Unha catástrofe natural de dimensións incalculables que sabemos ben que é irrecuperable.

Durante a situación crítica, a nivel psicolóxico, as persoas precisamos información veraz do que está acontecendo, cunha cadencia coñecida na facilitación dos datos (que pasou coa miña vivenda, cando é previsible que poida volver, que medios teño ata entón ao meu dispor...). Tras iso, precisamos reparación: por que pasou isto, asunción de responsabilidades, facilitar os trámites administrativos coas axudas que poida precisar... E como comunidade, necesitamos a certeza de que de darse a mesma situación, estamos mellor preparados para que non se repitan os erros.

A historia dos lumes na Galiza é longa e puidera pensarse que é inevitable. Non deberamos asumir como unha maldición da nosa terra as vagas de lume no verán; é de xustiza previr os incendios e coidar do rural. Máis aínda cando o cambio climático e as súas consecuencias se están deixando sentir, con subas de temperaturas insólitas e fenómenos como o do 14 de xullo, un agrupamento de treboadas que provocou varios destes incendios forestais. A ciencia advírtenos de que as condicións climatolóxicas no futuro inmediato serán cada vez máis propensas para os grandes lumes; polo tanto, a nosa preparación debe ser mellor. O de antes, que xa non era eficaz, agora non chega. As denuncias da falta de medios non poden ser ignoradas: por xustiza coas vítimas e para mellorar ante a repetición de situacións similares no futuro.

Comentarios