Opinión

Vento ou convento

Na semana pasada, amiudaron as mensaxes da “Dirección General de Tráfico” (máis unha competencia estatal, nen transferida nen con trazas de o ser) para comunicar benéficas recomendacións na chamada operación retorno e, sobre todo, para evitar riscos causados pola neve a causa do temporal “en el Norte”. Aconsellábase, pois, adiantar a viaxe desde “el Norte”, suponse que ao centro e ao sul, isto é, Madrid-Madrid-Madrid, o embigo de toda a información. A cousa é cómica, por non dicer estupidamente anacrónica, para quen viaxamos dentro do “Norte”, que non se caracteriza mesmamente pola súa homoxeneidade. Non se me ocorre dubidar da bondade dos consellos atinentes ao tránsito daquela dirección xeral, mais constato que continúan vinculados ao esquema radial español da máis rancia rotina. Os amantes do simplismo que cualifica o rexime anterior, a ditadura, de sociedade en “blanco y negro”, supostamente mutada milagrosamente en sociedade colorida con todas as gamas cromáticas, deberan reparar no mantemento e reforzo de vellos esquemas non caducados nen cancelados. Meter no mesmo saco a Galiza, Asturias, provincia de Santander, Euzkadi, Logroño e Cataluña, do ponto de vista meteorolóxico e/ou climático, non é unicamente resaibo do pasado, senón unha contravención absoluta da xeografía e da realidade do “tempo” en cada unha delas. Xa non digamos atribuír á Galiza un “tempo” uniforme e homoxéneo, mais esta distinción é demasiado subtil para a cegueira do centro-Madrid. 

A mesma “ponte” de días feriados da primeira semana de Decembro é un bon exemplo: mantense (débeda eclesiástica) a celebración da Inmaculada Concepción da Virxe (dogma proclamado polo papa Pío IX en 1854 e patroa da arma de Infantaría do exército español) e engádese o novo dogma político: a santa Constitución, indiscutíbel e inapelábel, como aquel. Esta é a modernidade española: Altar e Trono, versión século XXI. Libre de pecado, a nai de Xesús, pois, en sendo tal, non podía de nengunha maneira contaminar o seu divino fillo da común e sexual concepción humana, e libre, libérrima, de toda mancha a sagrada Constitución española de 1978, só modificada polas directrices da autoridade superior europea, iso si. Do resto, intocábel.

Tan sagrada é que o presidente da Xunta chegou a comparala cunha catedral. Se unha catedral é indestrutíbel e inmodificábel, a Constitución, idem. A analoxía, non sei se herética (pois as catedrais, no tempo en que foron erguidas, conceptuábanse como obra divina), si é, como mínimo, irreverente, na lóxica católica, pois elas albergan o máis alto e excelso da divindade e do santoral. Mais descendamos á terra. Para maior ironía, as catedrais galegas foron construídas nun tempo histórico en que a Galiza era algo e era alguén no conxunto da Península Ibérica: a súa erección está estreitamente vinculada ao Reino da Galiza, ao seu poder e á ostentación deste poder. Algo a ver coa dependencia actual? Escrebín antes, á mantenta, Santander e Logroño, as antigas provincias, reconvertidas agora en Cantabria e Rioja, entidades autonómicas inventadas, como Madrid, para lañar a existencia, nunca recoñecida, de nacións como a Galiza, Euzkadi e Cataluña. Trocearon canto lles petou o seu proprio mapa español para impediren o recoñecemento do mapa político real. E a Xunta, adxunta. Adxunta a todo canto supoña reforzar aínda máis a españolización da Galiza. Xa se ve con que resultados de óptimo trato.

Hai moitos anos, o xornalista e escritor Gustavo Luca de Tena aseverou con toda lucidez que pasáramos de ser un vento (“el Noroeste”) a un convento (“la Comunidad”). Seguimos na mesma, ad maiorem gloriam dos sagrados dogmas.

Comentarios