Opinión

Un folio en branco

No filme de John Ford O home que matou Liberty Valance asistimos á celebración dun mítin de que habían de saír os candidatos ao Congreso dos USA. O representante dos grandes proprietarios de gando intervén, paseando polo corredor do local, provisto dun papel que contería o seu discurso. Mais, con aceno abondo teatral, di que renuncia a lelo, porque vai usar da oratoria dirixida ao corazón dos ouvintes, á súa emoción, porque –demagogo consumado– é un deles. Con xesto igualmente teatral, enruga o papel e guíndao ao chan. Un dos asistentes ao acto recólleo: o folio estaba en branco. Os asembleístas acaban dando a súa confianza ao outro candidato (James Stewart), previa axuda do amigo (John Wayne). Un folio en branco e a oratoria vouga como sucedáneo. Non sei por que me semellou a metáfora perfeita de moitos episodios e declaracións da política actual. Tamén me acordou o que o lembrado Francisco Pillado escenificaba, con nós rindo a cachón, na recordación dun vello "galeguista" da Coruña, en discurso académico: "¡¡¡Rosalía de Castro!!!, ¿qué decir de Rosalía de Castro?..." E non dicía nada. "¡¡¡Curros, o noso Curros!!!, ¿qué decir de Curros?". E nada dicía. E así sucesivamente...

Voltando á analoxía política de hogano, rectificamos. Non é só que teñamos en abundancia "papeis en branco", sen o menor compromiso político-financeiro. É que, ademais, temos unha e outra vez que pagar, pagar e pagar, en constante chegada de "recibos" e "facturas" de toda caste. Sexan pagamentos activos ou pasivos, por cobranza obrigada ou por omisión de recursos. Falemos do porto da Coruña, da autoestrada e autovías, da ausencia da lingua galega, da inaplicación do 1% para cuidado do patrimonio cultural... E un longo etcétera. Da Coruña falo, porque a última noticia que me chamou a atención ten a ver co seu antigo cárcere, de infausta memoria. Anos e anos desafectado do seu uso orixinal, abandonado, en estado de semi-ruína, para agora, vía municipal, ter que pagar por el 2,3 millóns de euros –en tres anualidades, iso si, que cómodo– e aínda agradecendo a rebaixa de 600.000 euros da débeda contraída coa "Sociedad de Infraestructuras y Equipamientos Penitenciarios y de la Seguridad del Estado". Todo isto, após sentenza xudicial. Realmente, non saímos do noso asombro. En moitos lugares da Europa que tanto adoran os nosos gobernantes, teñen a gala non só non derruíren edificios históricos, senón procederen á súa restauración e acondicionamento para usos públicos, sexan hospitais, igrexas, institutos, museos ou palacios. Aquí, non. Aquí construíuse ao tolo, sen a menor planificación territorial-social digna de tal nome, sen previsión de mantemento e funcionalidade futura e, despois, que sexa o que Deus quixer, mellor dito, o que o tempo e a incuria vaian facendo.

Pagamos todo catro ou cinco veces. As autoestradas e autovías supoñen subvención indirecta ao negocio do automóbel. Mentres, o tren de proximidade non existe e as principais cidades galegas, na súa maioría, continúan sen comunicación ferroviaria, porque todo aponta e todo se traza en función do centro-Madrid. Así que, por unha banda, folios en branco, e, por outra, recibos e recibos a pagar, a pagarmos. Mais non hai cuidado: a culpa é de Rusia.

Comentarios