Opinión

Quen manda aquí?

Na memoria de Bautista Álvarez

"Aquí" é Galiza e "mandar" é gobernar. Como se ve, aplicamos a frase vulgar –ora autoritaria, ora humorística– ao que, a ben ser, debería corresponderse con perguntarnos onde reside o poder da Galiza, de quen e de que depende a súa gobernación. Hai máis de cen anos que o Manifesto das Irmandades da Fala (Lugo, 1918) estabelecía con toda a concreción as facultades do "Poder Galego" e aqueloutras partilladas co Estado. En pleno século XXI, o pretenso poder galego adoece dunha descoordenación que en nada axuda á eficiencia e á practicidade en termos sociais, económicos e políticos.

Herdamos –con poucas variacións– unha planta municipal do século XIX deseñada desde os gabinetes da capital do Estado. Esta primeira "lámina" do mapa superponse á que delimita as catro provincias, igualmente creadas e cortadas desde Madrid, en 1833. O Imperio Romano foi, de certo, moito mellor coñecedor da variedade interna galega e da distintividade xeoeconómica das súas comarcas: así o certifica a riquísima toponimia que as caracteriza. O absurdo desta división tetraprovincial –unha auténtica aberración– mantense case douscentos anos após a súa instauración, desfigurando o mapa real do país e exacerbando localismos urbano-vilegos que en nada axudan a que aflore e exista a evidencia unitiva, a evidencia galega. Escollamos, por exemplo, a provincia de Lugo, a de maior tamaño (case 10.000 Km. cuadrados): que ten a ver a súa Mariña coa montaña ancarina ou courelá, coa Terra Cha, coa cidade murada, coa Ribeira Sacra? O absurdo reitérase nas outras provincias.

Vaiamos agora coa xestión político-administrativa. Obras públicas, monumentos, rede fluvial, pesca, agricultura, gandaría... están submetidas a unha faramalla de administracións: por sobre a trindade hierárquica Unión Europea, Estado español, Xunta de Galiza, esta última, non satisfeita coa dependencia coñecida, dótase e financia fundacións, organismos varios, empresas... para reforzar aínda máis unha rede que nos deixa mallados (no sentido agrícola do termo, non no pesqueiro). Todo isto me veu á cabeza cando lin, nunha vila do interior, a seguinte mensaxe: "Mellora de pontes en *****. Financiada pola liña 1, Actuación 1 do Convenio de Colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia, a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés e os Concellos integrantes da Mancomunidade para actuacións de mellora paisaxística e de promoción do Xacobeo 2021-2022 no Camiño Francés". Isto, para a mellora dunha ponte. Hai vías dependentes da administración municipal; unhas outras "pertencen" á Deputación provincial correspondente; as de máis aló, á Xunta; as de maior categoría, ao Estado. Os portos, idem. Uns visitantes –amigos de coñeceren o patrimonio histórico-artístico galego– comproban, desolados, o estado vandalizado do que fica dun castelo medieval. Titularidade da Deputación; mantemento do Concello. Avisan a ambos. Xúntanse (vémolo noutros moitos lugares) a fame coa necesidade: a incuria dos brutos, a falta de aprezo e de coñecemento, coa inexistencia dunha planificación conservadora-restauradora merecente de tal nome.

Nunha nación como a galega, con tal densidade-fertilidade de pezas do patrimonio histórico-artístico, labor difícil, de certo, mais 40 anos longos de "autonomía" (?) permitirían esperar algo diferente. Canta xestión cultural posíbel queimada no altar do Xacobeo!

De todos os xeitos, RNE xa nos marca o camiño: informa de que os baróns do PP se reuniron na "caballería de San Xusto". Moi real. As carballeiras, ameazadas pola cabalaría eucaliptal.

Comentarios