Opinión

Proba documental

Agradezo a Nós Diario e á súa directora, María Obelleiro, a oportunidade de inserir neste dixital o documento que a seguir inclúo, xa que o seu tamaño sobarda o espazo concedido á miña colaboración semanal. Direi, antes de máis, que me ratifico en todos os extremos do expresado e publicado neste diario no día 12 deste mes, en artigo que dei en titular “Decidín que non entendo nada...”. Voume permitir un comentario estilístico que me chama a atención e é a nula comprensión da ironía ou de mensaxes propositadamente humorísticas que servidora –como calquera– usa ou pode usar. Para os neodogmáticos, sectarios ou portavoces do pensamento decretal, ambos recursos sobran, claro, ou ignóranos ou non os comprenden. Alá cada quen. Este artigo non é resposta nen réplica de nengún outro. Moito menos de quen practica o deporte da cazata burda (e ad mulierem) de quen sustén opinións diverxentes. A todos eles-as, adeptos á (in)comunicación en redes, adéu-siau, como se di en catalán. En particular, para os maledicentes e insultantes, ide fritir minchas, como diciamos na miña infancia en Lugo. Son moitos anos no camión –que dicía un meu curmán– e eu non vou renunciar á miña (mínima) liberdade de expresión, que, por certo, este diario admite e practica magnificamente.

O que transcrebo aquí é unha iniciativa parlamentar, rexistada o 17 de Setembro de 1999. Xa choveu: vinte e tres anos. O nº da mesma é o 11.200 e, como documento público, está ao acceso de todo o mundo no Boletín do Parlamento galego. Eu nen sequer a tiven que procurar, no meu arquivo eternamente pendente de orde e concerto, senón que dispoño dela grazas á amabilidade e dilixencia da amiga Laura Bugalho, a quen moito estimo o seu envío. Como se verá, está asinada por un deputado e dúas deputadas do Grupo Parlamentar do BNG, nun tempo onde o tema tratado era tabú ou algo pior. Eis o seu teor literal. Da súa leitura espero que os-as que posúan un mínimo de honestidade teñan a ben rectificar xuízos infundados. Dos odiadores de carnet non espero nada e só me permito recomendarlles que muden un algo de actitude: odiar avella moitísimo, mais, por suposto, son moi donos de o seguiren facendo.

“O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa do seu deputado Xosé Francisco Ferreiro Abelleira e das suas deputadas Maria Pilar Garcia Negro e Maria Salomé Álvarez Blanco, e ao abeiro do Regulamento da Cámara, apresenta a seguinte Proposición non de lei, para o seu debate en Pleno, relativa á inclusión nas prestacións da Rede Pública Sanitaria intervencións cirúrxicas e tratamentos necesarios para a reasignación de sexo.

Dada a existéncia en Galiza, na actualidade, de persoas que demandan a intervención cirúrxica de reasignación de sexo (CRS) dentro da Rede Sanitaria Pública, urxe da administración un posicionamento claro ao respeito.

O sexo psicolóxico destas persoas está en contradición co seu sexo biolóxico, legal e social, o que conleva unha série de complexidades que impiden o desenvolvimento da personalidade en liberdade, limita a vida cotiá normal (interrupción dos estudos, paro, marxinación...), sofrendo os seus direitos legais diferentes atropelos que confirman a vivéncia de situacións de desamparo xurídico/legal.

O marco legal europeo, doutrina, xurisprudéncia e recomendacións dalguns organismos internacionais, e mesmo diferentes preguntas e interpelacións na Comisión Europea, ao abeiro do cal se urxe pola parte dos estados conformantes da UE de lexislar no tema da transexualidade, para favorecer o libre desenvolvimento da personalidade e da própria dignidade (art. 10 CE), xa que se nestas directrices entende-se que se está a falar do direito da persoa á sua identidade sexual, crean as bases claras para dar-lle soporte á necesidade de abordar a problemática.

Cumpre tamén lembrar a existéncia de lexislación noutros estados da Unión Europea na que se fai referéncia á transexualidade de xeito favorábel, indicando os pasos que nos preceden e os que cómpre seguir; asi, temos, por exemplo: Suécia (1972), Alemaña (1980), Itália (1982), Holanda (1985), Gran Bretaña (1999), e outros como Austrália (1988), Brasil (1997), Uruguai (1998), Canadá (...). Mentras, na actualidade, a lexislación española apresenta un baleiro legal, co que a persoa demandante da atención sanitária prévia á CRS (médica e psicolóxica) debe franquear [moitas portas] atopando persoal médico/psicolóxico con vontade favorábel de dar ese servizo; de tal sorte que o custo económico é dificilmente asumíbel por unha persoa en proceso de cámbio de sexo. Segundo un estudo da Federación de Asociacións de transexuais do Estado español, o 95% da povoación “trans” está na marxinación (prostitución, shows...), dado o rexeitamento social e laboral ao que se ve abocada, tan só entre un 2 e un 3% ten estudos universitários, un 9% fica residindo no lugar en que xa antes vivia e un 5% mantén o seu emprego anterior ao comezo do proceso de cámbio de sexo.

Nos últimos anos apresentaron-se diversas propostas no Estado español, ao igual que nas Illas Baleares (27/novembro/1997), Astúrias, Andalucia (Proposición non de lei 5-98/PNL-10480), e no Senado español (duas iniciativas no ano 1999: unha de IU e outra do PSOE no seo da Comisión de Política Social e Emprego) en relación con este tema.

Polo exposto, apresenta-se a seguinte Proposición non de lei para o seu tratamento en Pleno:

O Parlamento insta a Xunta de Galiza a:

1º) Incluir, dentro das prestacións do SERGAS, o tratamento psicolóxico, endocrino e cirúrxico de reasignación de sexo para as persoas transexuais residentes na Galiza, criando para levar a efeito estas cuestións unha unidade especializada de tratamento.

2º) Que inste ao Governo Central para que modifique a lexislación vixente, permitindo a rectificación inmediata da inscrición no rexistro das persoas transexuais, asi como a modificación dos dados pertinentes no Documento Nacional de Identidade.

3º) Que se faga valer o direito das persoas transexuais a non seren discriminadas no emprego, nen antes nen despois do cámbio de sexo.

4º) Que se lexislen e leven a cabo as medidas de acción positiva mecesárias para facilitar o acceso ao emprego deste colectivo, de tal xeito que o cámbio de sexo non produza a marxinación e exclusión social.

5º) Que se realicen campañas de sensibilización social sobre esta problemática.

 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 1999

 

Asdo.:

Xosé Francisco Ferreiro Abelleira

Salomé Álvarez Blanco

Deputado e deputada do G. P. do BNG

Maria Pilar Garcia Negro, deputada e portavoz suplente do G. P. do BNG”.

Comentarios