Opinión

Nais, pais, fillas

É factor común, na biografía de moitas escritoras, salientar o benéfico papel dos proxenitores –ou de un de ambos– no inicio e consolidación da súa traxectoria literaria ou, máis amplamente, da súa intervención pública. É notábel o caso de Madame Staël (1766-1817), isto é, Anne-Louise-Germaine Necker, baronesa (polo seu matrimonio) de Staël-Holstein, filla do ministro Necker, cuxa influencia hoxe ninguén dubida que foi non menor, se non superior, á do seu contemporáneo Chateaubriand. Escritora prolífica, filla da Ilustración, sempre dispuxo de meios e de vontade, mesmo no exilio helvético, para cultivar “o seu espírito e a súa razón” (así o defendía para as mulleres, xa que conviña ás “luces” e ao benestar da sociedade). Habitual do salón da súa nai, nena precoz, axiña se revelou dotada para a música, a literatura e a filosofía. A súa educación foi invulgar para a habitual nas rapazas da súa clase social. A debilidade paterno-filial era mutua. Pouco antes de morrer, confesou a Chateaubriand que sempre amara Deus, o seu pai e a liberdade. Nen palabra sobre o seu marido, os seus numerosos amantes ou os seus fillos. Citada pioneiramente por Rosalía de Castro.

Tamén Concepción Arenal (1820-1893), segundo as súas biógrafas Anna Caballé ou Celia Pereira Porto, ficou marcada pola persecución política executada na persoa de seu pai. A súa dedicación público-publicística obedece en parte, sen dúbida, a un afán de o reivindicar, de realizar ela un legado político impedido no seu proxenitor. Rosalía de Castro (1837-1885) é, de xeito clamoroso, o fenómeno público-literario do XIX europeo máis rechamante. Subliñei hai anos o papel de preceptoría, de protección en todas as ordes, por parte da súa nai.

Documentos recentes exhumados por Sagrario Abelleira non fan máis que o confirmar. Ora, sen fortuna, sen herdanza, enfrontada polo seu patriotismo e a súa avangarda ás forzas vivas, nunha situación na derradeira década de auténtica precariedade material, como lembraba hai pouco nestas páxinas Francisco Rodríguez. De Emilia Pardo Bazán (1851-1921) sempre se cita a ensinanza paterna, en virtude da cal non se deberían admitir dúas morais segundo o sexo: a proclamada para os varóns, ás mulleres tamén debería valer; mais coido que hai un outro consello paterno tanto ou máis relevante: dedícate, se quixeres, á literatura, mais que non che custe diñeiro. Xulgo que esta advertencia é central na descomunal carreira literaria da escritora, tan boa empresaria de si propria.

Tamén no século XIX, no centro xeográfico da Galiza. Un xastre fica viúvo e encárgase el da educación da filla. Preocupado de dotala ben, para ter bens de seu no matrimonio. Esta filla casou co herdeiro dunha casa forte da aldea. A súa primoxénita (con 16 anos) foi oferecida tamén ao herdeiro dunha casa similar, polo seu home. Ela, ás agachadas del, foi falar co rapaz (20 anos) para lle suplicar encarecidamente que, se non gostaba da rapaza, non aceitase a proposta de casamento: non quería que a súa filla fose infeliz de por vida. O rapaz aseguroulle que si gostaba dela e que a trataría ben. Casaron, tiveron nove fillos-fillas, foron lonxevos. El fora o ansiado varón despois de catro mulleres: o seu carácter pacífico e protector sen dúbida tiña a pegada desta socialización feminina. Esta é unha historia real, da clase traballadora galega, dos paisanos. Rosalía de Castro coñecía estes casos: humanizounos, dignificounos. Emilia Pardo Bazán usou doutra óptica: desde a súa torre social e ideolóxica, construíu unha narrativa onde o povo galego, sumido na barbarie, non daba feito máis que repetirse nela. 

Si, mulleres todas, mais non clónicas, non seriadas. Cada unha ha de ser valorada conforme as súas escollas, á súa visión, á súa posición de clase e nacional.

Comentarios