Opinión

Logomaquia

Hai moitos anos eran correntes anuncios de oferta de empregos en que figuraban requisitos como o servizo militar cumprido. Para viaxante, por exemplo, o que hoxe adoita chamarse "comercial". Este requisito cinxía a oferta só a homes, pois eran eles os obrigados a ocupar moitos meses da súa vida ao servizo dos exércitos españois. Tal oferta de traballo excluía, sen máis, a povoación feminina demandante de idem. Noutros empregos, as mulleres casadas non podían acceder, directamente. No ecuador da ditadura franquista, mudou legalmente a situación, tanto a respeito do acceso canto á igualdade salarial. Legalmente, subliño. A realidade laboral era outra. Esta realidade laboral discriminatoria persistiu durante moito tempo e chega aos nosos días. Face á exclusión directa, agora as grandes empresas poden, por exemplo, practicala a través da entrevista correspondente, fase final de probas anteriores. Lembro o caso dunha miña curmá, licenciada en Económicas, que culminou con éxito os exames para unha praza nunha grande área comercial na Coruña. Cando xa contaba con ela, foi submetida a un perverso interrogatorio sobre a súa vida persoal (casada e con dous fillos pequenos, residencia familiar en Muxía), en que o entrevistador opinou que, á vista das súas circunstancias, non atendería ben o seu posto de traballo. Sen el ficou. Da exclusión sen máis á exclusión disfarzada de teste psicotécnico. Grande avanzo!

Desde aquela foi imparábel, por parte do sistema, a modificación terminolóxica dirixida a crear un metauniverso verbal, mantendo íntegras e intactas as condicións discriminatorias. A Constitución española vixente oferece unha boa canteira deste proceder.

Dáse a circunstancia de que esta operación eufemística resulta enormemente eficaz e continúa a súa produción incesante. Face a ela, hai quen defende a reapropriación do disfemismo para o converter en emblema de orgullo. Un exemplo notorio é o que revela a palabra "marica". Como sustantivo lexicalizado que é deriva de Marica, diminutivo de María, o nome feminino por antonomasia des que a Igrexa Católica instaurou e popularizou o culto á Virxe, en perfeito convivio coa misoxinia máis aguda. A palabra leva, pois, o estigma do feminino no código sexista. Marica (ou aínda o duplo diminutivo, Mariquiña), como hipocorístico, aparece con alta frecuencia no noso cancioneiro: lembremos só 'A casa da Mariquinhas', da inesquencíbel Amália Rodrigues ("Não vi nada, nada, nada / que pudesse recordar-me a Mariquinhas"). Hoxe, o diminutivo caiu en total desuso: a denotación primeira perdida para ocupar o seu lugar a connotación. A mudanza orixinou situacións cuase cómicas. Miña nai telefonou a unha amiga deste nome e unha voz masculina informouna de que se confundira de número. Volve chamar e soa unha voz feminina, que non recoñeceu e por iso perguntou cautamente se era Marica. Resposta alporizada da interpelada: "¡Marica lo será usted, señora!". Velaí o cerramento do círculo: o nome convertido en insulto. Hai quen defende, como dixen, a apropriación de "marica" ou "maricón" para lles dar o sentido positivo. Quen así o fai usa da súa liberdade. Eu apelo á miña para pensar que é máis práctico usar o termo homosexual, por denotativo e por revelador dunha normalidade que aínda está moi lonxe de ter asento social estendido.

A logomaquia é expresiva, en fin, de conflitos que van máis aló das nomenclaturas.   

Comentarios