Opinión

Fonética

Co gallo da celebración das recentes Olimpiadas, foi frecuente en radio e televisión recordaren as que tiveran como sede Rio de Janeiro. Indefectibelmente, a pronuncia españolizada, co son de “jamón” ou de “gente”. É de supor que sería retirado da locución ou da pantalla calquer xornalista que pronunciase de igual xeito “John”, “George” ou “Jordi”, mais xa se sabe que o portugués, fillo do galego (aínda que o ignoren nos media españois), pode con todo. Só coñezo unha excepción: o programa “Trópico utópico”, de Radio 3, onde emiten con frecuencia música brasileira ou portuguesa: nel a fonética, polo xeral, é a correcta, ou intenta selo.

Veñamos agora onda nós. Noutrora, dábase por lóxica a restauración dos apelidos galegos barbarizados pola españolización. González Laxe ou Fernández Toxo así foron e son coñecidos. Eu non sei se teñen legalizado nos seus documentos de identidade estas denominacións xenuínas, mais, en todo caso, estes son os seus nomes públicos. Tal devolución non se produciu por arte de maxia, senón por existir un movemento de recuperación do galego en todos os ámbitos, a comezar por como nos chamamos, face a como nos chamaron deformadamente. E hoxe? Asistimos, con abraio, a como se fai conviver Pazo de Raxoi ou Raxoi sen máis (o edificio, mais tamén, por metonimia, o Concello de Santiago) con “Rajoy”, o ex-presidente español. O art. 10 da Lei de Normalización Lingüística determina a forma correcta da toponimia galega, fonte principal da antroponimia, mais seguimos a ler e a ouvir “Feijoo”, á española, como híbrido insufríbel. Subliño que non falo de grafías posíbeis, senón da fonética correcta, da pronuncia adecuada. Se escrebemos, porén, Feixoo (como dignamente fai este diario), a avantaxe é que se facilita a pronuncia correcta que debera prevalecer, sexa cal for a escrita. Se mantivermos “Feijoo”, por que non “Mugía” ou “Teijeiro”?

Comeza un novo período de sesións no Parlamento galego. Fago desde estas liñas unha chamada de atención ás súas deputadas e deputados. O nome do actual presidente da Xunta vai seguir sendo de frecuente mención. Teimarán os representantes do povo galego en continuaren a práctica de pronunciar mal o seu apelido? Acaso non captan que isto supón máis un triunfo político para el proprio, en perfeita simetría co seu papel de garante da dependencia da Galiza ao Estado español? Das tres forzas políticas presentes hogano na Cámara, só unha, que eu saiba, ten escrito algo a este respeito. É o BNG. En concreto, hai máis de cinco anos, na XVI Asemblea Nacional, foi aprobada por unanimidade unha Proposta de Resolución en que se instaba a militantes e cargos públicos a restauraren os apelidos na súa forma verdadeira (escrita e oral) e a galeguizaren, no seu caso, os nomes. Igualmente, o máximo órgao desta formación política instaba a verbalizar correctamente nomes como Raxoi ou Feixoo. O estupor aumenta cando ouvimos “Xetafe” ou “Xaén”, mentres temos de seguir aturando a caricatura de nós mesmos. Até cando? Pertence ou non a lingua ás “cousas de comer”? Habemos de ser ad vitam aeternam un híbrido submetido á pauta e á pouta da lingua oficial do Estado?

Comentarios