Opinión

Entre dogmas anda o xogo

Esta semana de Decembro –desde hai moitos anos– conta con dous días feriados entre os laborábeis. Á vista do que se celebra, case nos gostaría  que se decretase unha paraxe total de actividade entre o día 6 e o día 8 e, aínda, se os días da semana o permiten, como este ano, desde o día 2 pola tarde até o 11 pola noite. Imaxinan o terapéutico que sería que non houber sesións nas Cortes, desfiles, celebracións político-militares, idem eclesiásticas...? "Luceríos" apagados ou inexistentes; emprego dos cartos da iluminación en procurar algo de calefacción a quen non a ten ou non a pode pagar; prohibición de papás-noel e demais "horteradas" do consumo (para quen o puider desfrutar) do Nadal e un longo etcétera? Eliminación, por suposto, do Black Friday e demais americanadas?

O día 6 e o día 8 celebran senllos dogmas. O máis antigo, o do día 8, data de 1854. Trátase do dogma da Inmaculada Concepción de María ou da Purísima Concepción, proclamado polo papa Pío IX, en virtude do cal se estabelece María, por nai de Deus, libre de toda mancha ou pecado orixinal, pecado común a todos os mortais fillos de Eva. O mesmo Pío IX, acérrimo inimigo do libre pensamento, autor do Syllabus errorum: condena de calquer acto da intelixencia que non se submeter ao maxisterio da Igrexa; superioridade da mesma face ao Estado; condena da separación de ambos; declaración do matrimonio canónico como único válido; relixión da Igrexa Católica, Apostólica e Romana como oficial do Estado; condena da liberdade de culto, pensamento, imprensa e conciencia. O mesmo Romano Pontífice que declara que nen pode nen debe reconciliarse nen transixir co progreso, co liberalismo e coa moderna civilización. O último soberano dos Estados Pontificios. O que proclama o dogma da infalibilidade papal. O mesmo Pío IX que concede o condado pontificio a D. José Pardo Bazán, en recoñecemento da defensa da relixión católica e dos seus privilexios realizado como deputado nas Cortes, título que herdou a súa filla e conseguiu que lle fose recoñecido, en 1908, como título de Castilla, o que a leva a asinar, desde aquela, como "La Condesa de Pardo Bazán".

Sete anos despois da proclamación do primeiro dogma citado, Rosalía de Castro publica o poema "Eva" no "Almanaque Literario" de El Museo Universal (descoberto en 1985 por Francisco Rodríguez e por Lydia Fontoira e publicado nas Actas do Congreso Internacional dedicado á escritora aquel ano), onde a "pecadora" Eva vai ser elevada á redentora necesaria das súas conxéneres, as mulleres. "Casualidades" da vida. O día 8 coñece tamén a celebración da Inmaculada Concepción como patroa pola arma de Infantaría do Exército español, feita oficial desde 1892.

O segundo dogma, o do día 6, é moito máis recente. Conmemora o referendum da Constitución española de 1978. A Constitución que impón a monarquía consagrada no rexime anterior, a ditadura; a que mantén a sucesión dinástica masculina; a que recoñece como único titular de soberanía o povo español; a que determina o deber de coñecer e o dereito de usar o español para todos os cidadáns... Seguimos?

Elocuente maridaxe de dous dogmas. A España que non se atura a si mesma, que practica o cainismo até limites impresentábeis, unida na dogmática do vello e do novo, ad maiorem gloriam de si propria. Máis divertida é a comedia de enredo Entre bobos anda el juego, de Rojas Zorrilla. Do século XVII, iso si.

Comentarios