Opinión

Dicionarios alternativos

Nun artigo recente, fixen mención da necesidade de "desacralizar" os dicionarios como fonte incontornábel de información. Dicía daquela que, como obra humana, son falíbeis ou condicionados por ideas, conviccións, preconceitos, pautas morais... No artigo de hoxe, se me quixeren acompañar, vou enredar un pedazo co que podemos denominar dicionarios alternativos ou, máis exactamente, aqueles con pretensións modernizadoras, actualizadoras. Comezaremos por un chamado "Dicionário nacional-popular", publicado no boletín Ceibe, órgao da Asemblea Nacional-Popular Galega, entre 1976 e 1982. As definicións que aquí copio foron publicadas no correspondente ao mes de Nadal de 1978. Rezan así: Bilingüismo: Coñécese con este nome toda utilización de duas línguas indistintamente. Pode, pois, haber indivíduos bilïngües, isto é, que saiban duas línguas e as empreguen segundo a comunidade social na que se atopan. Non hai sociedades natural e espontaneamente bilíngües, xa que a língua como produto social necesita sociedades coerentes e homoxéneas que a produzan, a manteñan e a fagan evolucionar. Diglósia: Nos contextos sociais coloniais, a palabra diglósia aplícase a unha situación na que existe un domínio político, económico e social dun idioma estranxeiro sobre o próprio e natural do país, o que vai reducindo este a funcións e usos subordinados e marxinais dentro do seu próprio contexto social. Precisamente o idioma estranxeiro cumpre a función de destruir a coeréncia social da comunidade colonizada, funcionando como hipnótico, de tal maneira que o idioma próprio se vai deteriorando e asimilando polo estranxeiro e imperial. As situacións diglósicas non teñen máis que duas saídas posíbeis: a asimilación ao idioma imperial dominante ou a normalización, isto é, a utilización para todo do idioma próprio e dominado.

Digamos, de paso, que estas nocións esclarecedoras tiveron amplo eco na base social de militantes e simpatizantes nacionalistas, nun tempo decisivo para o impulso de usos normalizadores da lingua galega. Permítanme agora unha recordación de índole persoal. Cando comezou a elaboración do Dicionário Galego Ilustrado Nós, sob a dirección de Isaac Alonso Estravís, un compañeiro e servidora colaboramos nun breve período no seu inicio, en concreto, en voces da letra "b". Correspondeunos cumprimentar a definición de "burguesia" e así a definimos: s. f. (1) Cualidade de burgués. (2) Clase social que é a proprietária dos meios de produzón e dos recursos financeiros. Grande burguesia ou meia burguesia: segundo que a burguesia sexa monopolista ou non. Burguesia nacional ou burguesia intermediária: segundo teña un comportamento de clase coesionado a nível nacional e sexa autónoma nas suas pautas políticas ou non. Burguesia imperialista: nun sentido político é a burguesia monopolista, cuxo rádio de acción está mais vinculado às perspectivas do capitalismo imperialista.

Nada direi da "bondade" desta definición. Só subliño o seu carácter de excepción na lexicografía da altura (1983: edición do 1º volume do dicionario). Engadirei, como anécdota persoal, que a miña colaboración con este benemérito dicionario cesou por algo tan prosaico como non dispor dunha mesa ampla (na casa alugada onde moraba daquela) onde poder despregar todos os dicionarios precisos para elaborar-modernizar a definición correspondente. Volverei solicitar a atención dos pacientes leitores con outros pormenores deste teor e, aínda, con algún que outro invento.

Comentarios