Opinión

Continúa a Operación Castigo

A aplicación do artigo 155 da Constitución española –acordo mediante PP-PSOE– non se cinxiu á anulación da autonomía catalá. Non significou un final, senón un ponto de partida xudicial que non fixo máis que incrementarse en forma de denuncias, condenas, persecución policial, invención de tramas varias, miles de persoas acusadas e outras modalidades represivas moi proprias dunha democracia avanzada, como gostan de a chamaren os seus corifeos. O problema é existir, querer existir e demostrar que se existe fóra do patrón español (nos dous sentidos: amo e modelo). Neste continuum, a última acción desembocou na manobra golpista en virtude da cal Laura Borràs, presidenta do Parlament, ficou desposuída de tal condición. O asombroso de tal feito é que contou coa inestimábel axuda do trío formado por PSC, ERC e CUP, quen, erixíndose en xuíces avant la lettre do xulgamento, selaron a ignominia. Nen sequer se produciu, na mínima lóxica parlamentar, ditame da Comisión do Estatuto do Deputado: cómpre ser dilixentes na avanzada represiva. A cambio de que? Asemade, a reunión bilateral presidente español-president catalá acordou, seica, a “desxudicialización” da relación política. Bon comezo!. Laura Borràs foi eleita presidenta da Cámara catalá en virtude dun acordo eleitoral ERC-Junts e dunha maioría parlamentar que así o permitiu. Que acontecería en España se Meritxell Batet, presidenta do Congreso de Deputados, fose arrombada do seu posto por unha decisión da Mesa do mesmo? É francamente incomprensíbel –por non utilizarmos un adxectivo moito máis contundente– que ERC, revestida da sedicente toga xudicial española, colaborase directamente en tal operación do españolismo. Cui prodest?. Esta é a tona dos feitos, a evidencia. Moi lonxe de min meterme a analisar, e menos a diagnosticar, a política dunha outra nación como Catalunya. Bastante teño con tratar de entender a da miña, a Galiza, mais, reitero, o facto coido que é dunha gravidade extrema.

Nós, galegas e galegos, aquí, no noso país, xa temos experiencia dabondo en golpismo político-xudicial. Logo se cumprirán 40 anos (Novembro de 1982) dunha desposesión de dereitos parlamentares debidamente adquiridos nas persoas de Bautista Álvarez, Lois Diéguez e Cláudio López Garrido, deputados do BN-PG / PSG, nas primeiras eleicións autonómicas de 1981. Para xustificar a aberrante expulsión da Cámara de que foron obxecto, programouse a posteriori da súa pose (un ano despois) o acatamento, mediante xuramento ou promesa, da Constitución española, requisito inexistente no Regulamento do Parlamento que determinou a súa primeira constitución. Sobraba o nacionalismo galego e cumpría descabezalo institucionalmente como fose. Algunha reparación á vista, aínda que para o primeiro dos citados xa sería póstuma? Canta máis política cumprirá “matar” para que prevaleza e impere a España única e eterna?

Nós, na Galiza, temos tamén a nosa Operación Castigo particular. Xa non falo do financiamento; da desertificación industrial; da submisión ao control da UE; da rapina bancaria; da agresión á pesca; da ruína inducida da agricultura e da gandaría; da xestión duns servizos públicos sempre envorcados ao medre do sector privado... Abonda con lembrarmos a  sentenza do ex-presidente da Xunta,  en afirmando, oufano, que, cando el goberne, o español deixará de ser lingua estranxeira en Catalunya. Manda chover na Habana! Na súa terra de procedencia, quen é a estranxeira sen remisión?: a lingua galega, mesmamente. Non merecemos tal castigo, fosen cais foren os nosos “pecados”.

Comentarios