Opinión

Canto vale e canto custa a prestación lingüística?

A Quico Cadaval, grande do teatro galego

Poderase (con)viver co turismo, non viver do turismo. Levamos anos e anos, na política oficial, aturando unha metonimia perversa: a redución da Galiza –a súa historia, a súa arte, a súa xeografía, o seu ser nacional, en suma– ao Xacobeo (ou, como dixo no seu día o fundador do trío "Los Panchos", o Macabeo). Masas de turistas na capital da Galiza a quen ninguén informará do pasado histórico e da razón de ser da espléndida monumentalidade que están a contemplar. A Galiza avalorada por ser  ponto final dunha viaxe onde ela, precisamente, desaparece como tal para poder ser vendida. Diñeiro público a esgalla para favorecer esta riada de semoventes, mentres en tantos e tantos lugares da nación o patrimonio histórico-artístico clama pola súa atención-restauración-visitabilidade. Fomento da ignorancia sobre nós para os nativos e oferta low cost para os forasteiros.

Hai un catálogo –escrito ou non escrito– de prestacións que, en materia turística, se oferece aos viaxeiros. Baratura de viaxes aéreas, traslado desde o aeroporto, comodidade e servizos hoteleiros, visitas guiadas a baixo prezo... Poderíamos ampliar a relación da oferta convencional. Engadimos unha prestación que, como tal, non se adoita mencionar: cal é o valor e cal o custo da prestación lingüística? Quer dicer: que valor damos a sermos atendidos no noso proprio idioma, a non depender da nosa sapiencia-habilidade lingüística noutras linguas, a non ter que pagar servizos extra por contratación de intérpretes ou tradutores? Temos vivido anécdotas cómicas (mellor chamalas así) de viaxeiros españois moi celosos do poderío e universalidade do seu idioma que, ao non seren comprendidos polo interlocutor correspondente noutro país, se dedicaban a berrar a cada paso máis. É difícil, por exemplo, ignorar en Italia que a cervexa é "birra". No canto de aprender a palabra, o individuo que relembramos repetía máis alto e forte: cer-ve-za!!, CER-VE-ZA!! Noutro país, Polonia en concreto, o tal figura riu ruidosamente de nós ao ver como acompañabamos a nosa xestualidade cun vendedor dunhas frases en galego como apoio: "Acaso piensas que te va a entender tu gallego!" Indicámoslle, claro, que probase el co seu español.

Mais aquí, na nosa terra, non hai problema. Vaporizado o galego, feito desaparecer, reina por toda a parte o español como lingua escrita, acompañado, of course, do inglés. A maior abondamento, sempre vai haber alguén que solicitamente axude o estranxeiro de turno para ser atendido e entendido. Reforzo, asemade, da ausencia do galego como escrita, nunha rotina-naturalidade ben coñecida e que xa creou calo abondo. Nunca o galego protagonista na súa terra, nen sequer figurante. O lapidario título poemático de Rosalía de Castro continúa vixente.

Por isto formulamos a pergunta que dá título a este artigo. Miles de turistas comen e beben na Galiza a un prezo manifestamente inferior ao pagábel na súa terra de orixe e, ademais, coa avantaxe de produtos de calidade e materia prima excelente (paisaxe e gastronomía: tópicos recorrentes). Poñamos que uns e outros –nativos e foráneos– pagamos 2 euros por unha cervexa ou 3 por unha copa de viño. Esa cantidade inclúe para os turistas a súa atención lingüística. Para nós, a nosa exclusión. Fóra da Galiza, subordinados, como é natural, á lingua correspondente do país de destino. Dentro, adaptados á incomparecencia da lingua da Galiza. Algunha adaptación máis? Todo pode ser: se cadra, a próxima "prestación" do Xacobeo consista en que os nativos varramos o local despois da consumición...

Comentarios