Opinión

Bravo! Xa cantamos o Himno enteiro!

Debemos recoñecer que certas mudanzas-actualizacións-modernizacións necesarias da e na nosa cultura prodúcense con parsimonia demasiada. Á que me vou referir data de 1992. No outono deste ano difundiuse por vez primeira, de xeito masivo, a versión correcta e íntegra do Himno Nacional, do Himno Galego. Foi no acto de conmemoración do décimo aniversario da fundación do Bloque Nacionalista Galego, na Coruña. Lembro gardarmos os asistentes un minuto de silencio polo accidente do "Mar Exeo", no mesmo mar da cidade, continuación duns outros desastres como o do "Urquiola" ou o "Casón" e prólogo da catástrofe do "Prestige", dez anos despois. Beneficiáramonos daquela do meritísimo traballo do profesor e investigador Manuel Ferreiro, máximo especialista en Eduardo Pondal, que a aquela altura xa documentara incontestabelmente o que o poeta escrebera, alterada a súa transmisión por erros de transcrición, rotinas e precario coñecemento dos manuscritos ou publicacións contemporáneas do grande escritor de noso. Por suposto, nas celebracións anuais do Día da Patria Galega sempre se cantou íntegro. Non así noutras moitas celebracións, con escusas, por veces, inanes, como aludir á súa duración; non hai tal: o Himno debidamente cantado, co ritmo orixinal da partitura de Pascual Veiga, dura uns segundos máis de tres minutos. A razón real ten a ver coa evitación da terceira e cuarta estrofes e co seu rotundo final: "Nazón de Breogán" e, naturalmente, con alcumar de "imbéciles e escuros" os que non entenden a nosa voz e o noso son.

Ora, hai poucas datas cadroume ver, nun caso, e ver-escoitar, noutro, dúas significadas e veteranas corais galegas, da Coruña ambas: "El Eco" e "Cántigas da Terra". Unha satisfacción: o Himno cantado íntegro. Segunda fase da "operación" faltante: agora cómpre reproducilo e cantalo coa letra verdadeira: "trasparente" (non "transparente"); "cinxido" (non "cinguido"); "clan" (non "chan"); "rouco" (non "ronco"); "mas sós os ignorantes" (non "mais sóio os iñorantes"); "férridos" (non "féridos"); "as vosas vaguedades" (non "as nosas vaguedades"). Ben se ve que algunha restauración tórnase fundamental: "valeroso chan" (no canto do correcto "valeroso clan") é –ou sería– unha metáfora ou talvez unha metonimia forzadísima. O poeta está a se referir a nós, povo galego, a descendencia dos afoutos celtas de que proviríamos.

Subliñamos até a extenuación a beleza e calidade estética do Himno que temos a fortuna de posuír. A diferenza doutros (belicistas, "terroristas" –como a Marsellesa– ou simplesmente arenguísticos), o noso é un Himno escrito por un alto poeta, un poema en si mesmo, con todos os recursos desta arte. Benito Varela Xácome (La métrica de Pondal) definía as súas estrofes como octavillas italianas de versos heptasílabos. Comprobemos, con efeito, a rima consoante perfeita nos versos 2-3, 4-8, 6-7 de cada estrofe; a acentuación sistemática na 2ª e 6ª sílabas de cada verso; a súa acurada musicalidade, pois. Recentemente, cóubome ouvir unha versión do Himno íntegra e con todas aquelas necesarias restitucións incorporadas. Oxalá que se difunda canto antes a bandas de música, corais, orquestras, centros de ensino... Moi mal papel faríamos se a esta altura do filme histórico non soubésemos cantar, íntegro e correcto, o noso Himno.

Así que..., compatriotas, amigas e amigos: ánimo! Apliquémonos un pouco. Rachemos coa parsimonia por unha vez. É doado. Só pede de nós un mínimo de interese e atención.

Comentarios