Opinión

Xustiza patriarcal

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza esta semana tamén se sumou á vaga de órganos xudiciais que ditan sentenzas que rebaixan as condenas a homes amparándose na Lei 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como Lei do só si é si. A dereita máis rancia e a caverna mediática española non tardaron en lanzar un ataque furibundo contra a ministra de Igualdade e contra o seu equipo, a quen tamén acusan de ineptitude e incapacidade, mesmo con apreciacións paternalistas.

Se a lei ten fendas que permitan a xuíces e xuízas interpretala ao seu modo para rebaixar a condena aos agresores, cómpre mudala, evidentemente, pero o que transloce en todo isto é o carácter patriarcal da xustiza española, tan contaminada e herdeira do franquismo, como ben sabedes nas vosas respectivas nacións, que xa a tedes padecido para perseguir a disidencia política. Por iso cómpre a aplicación dunha perspectiva de xénero de maneira transversal, tanto na formación das e dos xuristas como na execución das leis.

A credibilidade das mulleres segue a pórse baixo sospeita e os recursos contra a violencia machista seguen a ser claramente insuficientes

Agora que se achega o 25 de novembro, rodearannos os lemas contra a violencia machista, mais, á vez, asumimos o machismo da xustiza con total normalidade, e mesmo sumándonos aos ataques contra unha lei que protexe máis as mulleres que a anterior e pon o foco no consentimento, que é a figura que estabelece a nivel internacional o Convenio de Istambul sobre prevención e loita contra a violencia de xénero.

Como ía vestida unha muller que foi violada? Fixo ou non fixo algo a muller para provocar o violador? Tiñan ou non unha relación sentimental? Preguntas como estas non deberían ter cabida nos xulgados e, infelizmente, seguen a tela. A credibilidade das mulleres segue a pórse baixo sospeita e os recursos contra a violencia machista seguen a ser claramente insuficientes.

Á falta de psicólogas e psicólogos e de traballadoras e traballadores sociais que axuden as mulleres súmase toda unha violencia institucional que provoca que mesmo non se garantan salas separadas nas que declaren a vítima e o agresor e que teña que partir da vontade da xuíza ou do xuíz levar a muller ao seu despacho para evitar que se cruce co acusado. Seguiremos sobre isto nas próximas semanas!

Comentarios