Opinión

Volva vostede mañá... ou dentro de vinte días

Martxelo, Vicent, a situación da sanidade pública na Galiza é insostíbel, sobre todo a respecto da Atención Primaria. A estratexia de desmantelamento aplicada polo Partido Popular na última década funcionou. Hai áreas sanitarias máis afectadas que outras. A miña, a de Pontevedra-O Salnés, é unha das que máis adoece da falta de persoal, até o punto de que hai ambulatorios de atención continuada, como o da cidade de Pontevedra, o de Baltar, en Sanxenxo, e o do Grove, entre outros, que nun mesmo día carecen de médico ou médica.

Imaxinade a situación: chamades ou pedides cita co voso doutor ou doutora de cabeceira, non hai dispoñibilidade até dentro de 15-20 días. Atopádesvos mal e decidides acudir ao PAC. Chegades alí e... non hai médico ningún. A situación é tal que non é a primeira vez que as enfermeiras e enfermeiros, desbordados, envían imaxes a médicas e médicos doutros PAC para que lles digan se receitar ou non un antibiótico. Se non chegaba xa coa telemedicina, agora temos tamén a fotomedicina.

O PP insiste en que "non hai médicos", mais a sanidade privada, cada vez máis engordada grazas aos seguros asinados pola falta de servizo na pública, non carece deles.

O Partido Popular aduce o de sempre e pon o ollo no Goberno estatal e na taxa de reposición, mais o certo é que na última convocatoria de formación MIR non solicitou todas as prazas de especialistas que podería reclamar. Insiste, ante a evidencia do colapso, en que "non hai médicos"; mais a sanidade privada, cada vez máis engordada grazas aos seguros asinados pola falta de servizo na pública, non carece deles.

O principal problema que denuncia o sector é a precariedade: temporalidade, contrato por días ou semanas, mobilidade xeográfica... E todo isto está condicionado polo investimento que a Xunta da Galiza dedica á sanidade pública. Non sei se sabiades que a Galiza é a autonomía do Estado que menos inviste en Atención Primaria, só despois de Madrid (e xa sabemos todas e todos, que así nolo replican os medios de comunicación, como está a sanidade na capital de España). A Xunta, de feito, dedica a este capítulo 2,3 puntos por baixo da media estatal, segundo a Enquisa do Gasto Sanitario do Ministerio de Sanidade. É máis, a Atención Primaria dispón de 47 millóns de euros menos que en 2009. E tamén de menos persoal.

Este desmantelamento, planificado e executado ao milímetro, vaille traer problemas ao presidente galego: o primeiro deles, unha manifestación nacional que decorrerá o 12 de febreiro en Compostela.

Comentarios