Opinión

Vivenda imposíbel

Martxelo, Vicent, en primeiro lugar, grazas pola vosa recente visita á Galiza para dar a coñecer ás subscritoras e subscritores de Nós Diario a realidade informativa das vosas nacións. Esta semana querería compartir convosco e coas nosas lectoras e lectores un problema preocupante que se viu agravado nos últimos anos e que volveu á axenda pública debido á suba de xuros aplicada polo Banco Central Europeo. Refírome ao acceso á vivenda, toda unha odisea, sobre todo, para as mozas e mozos.

Descoñezo as políticas aplicadas polos vosos respectivos Gobernos para mobilizar o parque de vivendas, mais na Galiza, con máis de 340.000 baleiras -das cales máis de 2.700 pertencen á Sareb-, o desleixo é a tónica xeral. Para mostra, o Plan de vivenda 2015-2022, cuxo obxectivo era pór á disposición das máis de 15.000 persoas interesadas un total de 870 vivendas de promoción pública. Nese tempo, o Goberno galego tan só foi quen de construír 40.

Por outro lado, nun contexto en que o prezo dos alugueiros aumentou case 50% desde 2016, a Xunta pon o foco na adquisición de vivenda por parte da mocidade e non no aluguer, como se as mozas e mozos puidesen dispor dun traballo estábel que lles permitise endebedarse. Ademais, a porcentaxe de vivenda protexida dispoñíbel para o aluguer na Galiza é tan só de 0,3%, cando a media estatal é de 0,9% e a europea, de 9%.

Outra mostra da desidia do Executivo á hora de exercer esta competencia propia represéntana os propios orzamentos galegos. Para 2023, dedica á vivenda 130 millóns, 80 millóns menos que en 2009, últimas contas do Goberno bipartito. E a liquidación dos orzamentos de 2021 demostra que ficaron sen investir 17 millóns do programa de acceso á vivenda.

Este é o panorama que deixou Alberto Núñez Feixoo e cuxo continuísmo garante o seu sucesor, Alfonso Rueda. Falando de Feixoo, non vos parece que o uso do delito de sedición como escusa para non renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial mostra a debilidade e interinidade na que se atopa? Vexo neste aceno unha nova evidencia de que é Ayuso quen lle marca a política a un Feixoo instalado nas posicións máis ultras. Aqueles xornalistas progresistas españois que eloxiaban o seu centrismo cargan agora as tintas contra el. Non será por non avisalos!

Comentarios