Opinión

Ser galego/a

Coincido contigo, amigo Vicent, na importancia que ten a rúa, a base, socializar unha reivindicación lexítima a longo prazo, pois isto, alén das urxencias electorais, é o que cobra valor para conseguir mudanzas profundas que melloren o benestar das persoas e o futuro de nacións como as nosas. E a Diada masiva deste ano mostrou o músculo do movemento independentista catalán, a pesar de que os medios de comunicación españois pretenderan difundir o contrario.

Aquí, asistimos, máis unha semana, ao esperpento do Partido Popular pronunciándose, desta vez no Parlamento galego, en contra de que as deputadas e deputados poidan intervir no idioma propio da Galiza nas Cortes estatais, á vez que os membros da Xunta da Galiza recriminaban ao BNG o voto negativo á investidura de Alberto Núñez Feixoo como presidente do Estado español. "Non queren un galego no Goberno de España"..., como se nacer na Galiza fose equivalente a exercer de galego. A portavoz nacionalista, Ana Pontón, retrucou con ironía: "Tamén Franco era galego".

Vicent, non sei se lembras o slogan de Feixoo nas últimas eleccións galegas: "Galicia, Galicia, Galicia". Unha mensaxe que o PP é consciente de que vende entre o pobo galego, mais que representa todo o contrario ao que defende ideoloxicamente un partido que vai da man do ultraespañolismo de Vox. Feixoo non tardou en abandonar o Goberno da "Galicia, Galicia, Galicia" co fin de ir a Madrid –para eles é "dar o salto", así, en positivo– e en tomar posesión como senador por designación autonómica, é dicir, cobrando diñeiro público para, en teoría, atender os intereses da Galiza. Sabes cantas iniciativas referidas ás galegas e galegos presentou en 14 meses? Ningunha. Por outra parte, nos seus 13 anos como presidente da Xunta non se molestou en solicitar ningunha nova competencia para a Galiza. Eis o "galego".

Alfonso Rueda manifestouse en 2009 nas rúas de Compostela cunha entidade galegófoba que reivindicaba recortar o uso do galego na educación. Galegos así, non, grazas.

Ese "galego" de apelido Feixoo que, de forma vergonzosa, fai oposición antes de ver fracasada a súa investidura rexeitou o levantamento do veto ao uso do galego no Congreso. Sen ruborizarse. É un renegado. Un renegado cada vez máis ultra que comparte vasos comunicantes con Vox, principalmente todo o que respecta ao ultraespañolismo. Mais, tampouco nos enganemos, ben sabemos quen é Feixoo. Un home que tomou posesión como presidente, en 2009, cun documento, "Contrato con Galicia", incumprido desde a primeira á última liña. Tan só un ano despois da sinatura dese "contrato", acometía unha das maiores afrontas contra o galego: o decreto do plurilingüismo que prohibe que se impartan materias como Matemáticas, Física ou Química no idioma propio –que, evidentemente, resultou ser nocivo para a normalización do galego e supuxo un grave retroceso no uso social da lingua–.

O "galego" amigo de Sánchez Galán e de Marcial Dorado alimentou cunha inxente cantidade de fondos públicos medios de comunicación que incumpren a lexislación lingüística deturpando os topónimos oficiais á vez que tratou de afogar, mediante boicots e incumprimentos dos pregos de condicións das convocatorias de axudas á prensa, o único diario en papel en lingua galega. Tamén recortou todas as partidas destinadas á normalización do idioma galego á vez que dedicou diñeiro público para promover o castelán. Porén, quen o substituíu non é mellor. O actual presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, manifestouse, en 2009, nas rúas de Compostela, cunha entidade galegófoba que reivindicaba recortar o uso do galego na educación.

Galegos así, non, grazas.

Comentarios