Opinión

E quen defende os ricos?

Vicent, esta semana coincidimos co tema que abordamos: impostos. Como titular, emprego unha pregunta que é retórica, pois evidentemente sae do PP a proposta de "perdoar" ás grandes fortunas o imposto de Patrimonio, aínda que tamén o PSOE, con Zapatero, suprimira o imposto de patrimonio uns meses antes das eleccións de 2008, cando aínda non estalara a crise. O presidente andaluz vende agora a bonificación de 100% deste imposto e do de sucesións. Lembremos ao respecto que Madrid, que ten bonificado ao 100% o de patrimonio, deixa de ingresar cada ano 900 millóns de euros para beneficiar os ricos.

Na Galiza, Feixoo deixou bonificado o imposto de patrimonio nun 25% e o de sucesións nun 100%. Tamén reduciu os tramos de competencia económica do IRPF nos tramos de 27.700 a 35.200 euros e de 47.600 a 60.000 euros (o salario medio bruto na Galiza non chegou ese ano aos 21.900 euros). En 2021, último exercicio completo, a Xunta deixou de ingresar 500 millóns de euros.

O socialmente máis xusto para nós sería, sen dúbida, contar cun sistema concertado, como tamén é máis xusto que pague máis quen máis ten

Se o PP saíu á palestra para defender a quen representa -as grandes fortunas e non as clases traballadoras- nun momento de crise como o que vivimos e o que viviremos, o ministro Escrivá fixo o propio para apelar á centralización da fiscalidade, deixando patente a súa ideoloxía españolista.

Estamos ante un debate ligado ao modelo de financiamento. Neste sentido, as autonomías co réxime común posúen unha competencia limitada á hora de modular os tipos impositivos e quen funciona baixo o concerto -Euskadi e Nafarroa- goza de mellores datos a respecto de benestar social e creación de riqueza. Para que vos fagades unha idea: a Galiza perdeu máis de 3.900 millóns en 2020 -último ano coa liquidación do orzamento fechada-, ao recadar máis de 11.900 millóns e reintegrar só pouco máis de 7.900. O socialmente máis xusto para nós sería, sen dúbida, contar cun sistema concertado, como tamén é máis xusto que pague máis quen máis ten e, sobre todo, que nunha época de crise os poderes públicos garantan que ninguén fique atrás.

Comentarios