Opinión

'Prestige', 20 anos despois

Como sabedes, este domingo fanse 20 anos do desastre do Prestige. En relación á seguranza marítima, pouco mudou desde entón, até o punto de que seguimos sen contar cun organismo propio para a investigación de accidentes no mar e para as verteduras dos barcos. Madrid, que carece de costa, acolle a comisión de investigación deste tipo de sinistros e Galiza, con máis de 1.700 quilómetros de litoral, 128 portos e máis de 4.200 embarcacións, depende, infelizmente, de España. E isto, a pesar de que 8 dos 13 maiores accidentes con verteduras de petróleo nas últimas seis décadas producíronse na costa galega.

O partido de Feixoo votou até en tres ocasións en contra de que Galiza contase con salvamento marítimo propio

Se algo amosou o afundimento do Prestige, ademais de que somos un pobo afouto e loitador, como demostrou o movemento Nunca Máis, é a necesidade de posuír as competencias sobre todo o que teña a ver co litoral, máxime tendo en conta que cada día navegan fronte ás costas galegas, de media, 35 buques con mercadorías perigosas. Destes, uns 15 non teñen que cumprir os requirimentos en materia de seguridade que estabeleceu a Unión Europea.

A día de hoxe incluso salvamento marítimo segue a ser unha competencia do Goberno español. O Estatuto contempla esta materia como unha das que lle correspondería á Xunta, mais ao PP semella non interesarse. Como temos apuntado nestas páxinas, Martxelo e Vicent, o Executivo galego non conseguiu nin unha soa transferencia de competencias en 13 anos, é dicir, desde 2009, ano en que o PP volveu tomar o control de San Caetano. De feito, o partido de Feixoo votou até en tres ocasións en contra de que Galiza contase con salvamento marítimo propio.

O desleixo do Goberno galego na materia é tal que mesmo a renovación da practicaxe da Costa da Morte, un servizo vital para a seguranza no mar, ao dirixir a entrada e saída de buques, corre perigo debido ao recorte substancial das condicións económicas por parte da Xunta da Galiza. E, curiosamente, os portos afectados foron declarados pola Administración galega como zonas de "refuxio seguro" para barcos con dificultades. É ben triste este desprezo por parte de quen nos goberna.

Comentarios