Opinión

Perder o tren

Martxelo, Vicent, non sei se sabedes que na Galiza carecemos de trens de proximidade, e seguiremos sen eles á vista do proxecto de orzamentos que o Goberno español presentou para 2023. Non hai ningunha área metropolitana no Estado español que supere os máis de 580.000 habitantes que ten a de Vigo e que careza dunha rede de proximidade. Tramos como o da Coruña e Ferrol afectan a máis de 600.000 persoas, cifra claramente superior á de Murcia e á de Santander, que si contan con 'cercanías'.

Quen vivimos no Eixo Atlántico aínda podemos usar o tren, quer rexional quer media distancia, mais a meirande parte das estacións conta con menos de dez servizos de ida e outros tantos de volta, con períodos de máis de tres horas e media sen tren ningún. Mais isto non acontece en toda a faixa atlántica. No tramo A Coruña-Ferrol existe un servizo aínda peor: só cinco frecuencias, cunha duración de até 1,20 horas, nun traxecto que no coche se realiza en ao redor de 40 minutos. E, salvando a liña de Ourense a Compostela, pouco queda. Lugo, por exemplo, carece de conexión directa coa capital. É máis, as deficiencias en materia ferroviaria desta cidade son tales que leva menos tempo chegar de Ourense a Madrid en AVE que de Lugo á Coruña -un traxecto que en coche ocupa unha hora-.

Non hai ningunha área metropolitana no Estado español que supere os máis de 580.000 habitantes que ten a de Vigo e que careza dunha rede de proximidade

Preguntarédesvos se existe demanda para o uso do tren. Existe, e moita. De feito, a bonificación dos billetes para persoas usuarias recorrentes provocou un maior uso do ferrocarril e evidencia a necesidade de contar cun servizo de proximidade. Tamén pon de manifesto a falta de convois, pois os trens circulan ao límite da súa capacidade, deixando ducias de persoas en terra.

Se a rede de proximidade non é unha prioridade tampouco o é a conexión férrea da Galiza con Portugal, que fica fóra do orzamento de 2023. O noso país veciño ten feitos os deberes para unirnos vía alta velocidade e, de feito, o Goberno portugués anunciou a semana pasada que as obras nos camiños de ferro chegarán a Valença, na fronteira coa Galiza, en 2030. A previsión do Executivo luso choca coa vontade do Goberno español, máis interesado nunha conexión ferroviaria que una Lisboa con Madrid, porque, xa o sabemos, tamén a nivel infraestruturas todo segue a pasar por Madrid.

Comentarios