Opinión

Papel mollado

Seguimos debullando o proxecto de orzamentos xerais do Estado para 2023. Mentres que o investimento para o conxunto estatal aumentou 21%, chegando a máis de 21.400 millóns, o crecemento para a Galiza é só do 0,30%, até chegar aos 1.000 millóns. Mais unha cousa é o que recollen as contas e outra o seu grao de execución, algo no que cómpre reparar. Sábelo ben, Vicent, que lin estes días en Vilaweb a respecto da falta de execución do consignado.

Os datos da Intervención Xeral da Administración do Estado evidencian que, desde 2015, o Executivo español deixou sen investir na Galiza máis de 2.800 millóns que estaban comprometidos nos sete últimos orzamentos liquidados. Así, a respecto do consignado para a Galiza, en 2015 executouse o 56%, case un 57% en 2016, un 66% en 2017, un 51% en 2018 e case un 46% en 2019.

O baixo grao de execución orzamentaria que padecemos na Galiza contrasta coas cifras referidas a Madrid, onde o investimento final supera o previsto de maneira inicial

O baixo grao de execución orzamentaria que padecemos contrasta coas cifras referidas a Madrid, onde o investimento final supera, tradicionalmente, o previsto de maneira inicial. Nas contas de 2021 prevíase un investimento de 961 millóns en Madrid, que ao final ascendeu a 1.643.

Precisamente, nos orzamentos de 2021, os primeiros aprobados polo Goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos, recollíanse uns investimentos para a Galiza de 792 millóns de euros -dos cales as maiores dotacións foron dirixidas a diversas partidas da alta velocidade ferroviaria-. Porén, a contía finalmente executada ficou en 532 millóns, 260 millóns menos dos aprobados na lei de orzamentos para ese exercicio. Tampouco se executaron 254 millóns do inicialmente previsto nas contas de 2020.

Consignar diñeiro que despois non se inviste é algo que tamén sabe facer o Goberno galego. Só en materia de emprego, deixou sen gastar máis de 1.500 millóns desde 2009, ano en que Alberto Núñez Feixoo chegou á Presidencia da Xunta.

Aínda esta semana, o PSdeG denunciou no Parlamento galego que a Consellaría do Mar deixou sen executar o 83,9% dos orzamentos de programas dedicados á pesca, cuxo importe ascendía a 96,2 millóns. Segundo a Conta Xeral da Administración galega, o citado departamento só executou 16,1% do consignado aos programas de pesca.

As cifras falan por si soas.

Comentarios