Opinión

O "xestor" Feixoo

As listas de espera sanitaria seguen crecendo na Galiza. Os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade, que se refiren á segunda metade de 2022, reflicten que 261.781 galegas e galegos fan parte das listas de agarda do Sergas. Así, o número de persoas rexistradas incrementouse en 17.000 respecto ao primeiro semestre do ano.

A presión asistencial crece en todos os niveis da Atención Especializada, singularmente en cirurxía, cos segundos peores datos de toda a serie histórica, comezada en 2014, e na espera por unha consulta médica, onde as pacientes pasan de 198.323 a 215.600. A maiores, a Xunta da Galiza non informa sobre as persoas incluídas na denominada lista de espera non estrutural, que os colectivos en defensa da sanidade pública cifran en ao redor de 150.000. Nesta lista atópanse, entre outras, as persoas que rexeitaron seren derivadas á sanidade privada.

A presión asistencial crece en todos os niveis da Atención Especializada, singularmente en cirurxía, cos segundos peores datos de toda a serie histórica, comezada en 2014

A precariedade e a falta de medios humanos na sanidade son consecuencia da falta de compromiso orzamentario co sistema sanitario público. Segundo os datos que acaba de facer públicos a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), cuxas últimas cifras se refiren ao exercicio de 2021, o gasto sanitario por habitante na Galiza sitúase en 1.691 euros ao ano, 37 euros por baixo da media estatal, fixada en 1.728 euros. Só Andalucía, Madrid e A Rioxa invisten en sanidade menos que Galiza.

A redución de fondos é toda unha declaración de principios do modelo social e económico de Alberto Núñez Feixoo, quen se iniciou como xestor no ámbito sanitario á fronte do Instituto Nacional da Saúde (Insalud), na primeira lexislatura de José María Aznar. As tesoiradas executadas por Feixoo non son casuais, pois responden a unha axenda política destinada a deteriorar a sanidade pública para entregar o dereito á saúde aos operadores privados.

As listas de espera da sanidade galega son outra parte da herdanza do "xestor".

Comentarios