Opinión

O "dereito" a ser nai?

A imaxe da actriz española Ana Obregón saíndo dun hospital estadounidense, en cadeira de rodas, cun bebé nos brazos xestada por outra muller á que lle alugou a barriga volveu abrir o debate dos ventres de aluguer. Un debate do que o PP trata de escapar. Na Galiza, os medios de comunicación preguntáronlle ao respecto ao presidente, Alfonso Rueda, que non soubo opinar dunha proposta que atenta contra os dereitos e liberdades das mulleres e que as converte en incubadoras: “Non teño un xuízo formado”, respondeu. Mais o PP vai ter que moverse, á forza, dada a ofensiva do BNG, que proporá no Parlamento unha declaración institucional contraria a dar por boa unha nova forma de violencia contra as mulleres.

Casos como o da artista madrileña evidencian que con diñeiro todo é posíbel, incluso unha práctica que converte os corpos das mulleres en mercadoría e as crianzas nun obxecto de comercio, nunha especie de ben de consumo. A contratación da xestación dun bebé por medio de cartos, nuns casos para satisfacer un desexo, noutros para paliar carencias, noutros polo “dereito” falaz a ser nai, debería estar perseguida e non é así, aínda que a lei do aborto considere os ventres de aluguer unha forma de violencia contra a muller e estean prohibidos no Estado español.

Calquera persoa con recursos -falamos de ter dispoñíbeis entre 50.000 e 200.000 euros, en función do caso e da comisión recibida polas axencias intermediarias- pode comprar un bebé nos lugares en que está permitida a “xestación subrogada” -Que eufemismo!- e inscribilo no Rexistro Civil. Nada o impide.

Hai, por outra parte, quen avoga por un modelo “altruísta”, unha trampa emotiva para defender os ventres de aluguer. En Estados nos que existe esa opción, como Canadá, Australia, Grecia e o Reino Unido, segue mediando o diñeiro, a través de conceptos como “gastos derivados” ou aqueles resultantes de proporcionar “condicións idóneas” para levar a termo uns embarazos que, na inmensa maioría dos casos, recaen en mulleres empobrecidas. E quen garante que non se pague por detrás? A min fáiseme difícil pensar que hai quen está disposta a alugar o seu ventre sen nada a cambio.

Comentarios