Opinión

O 'bo xestor' pincha

Martxelo, Vicent, supoño que tanto en Euskal Herria como nos Països Catalans o debate desta semana no Senado entre Sánchez e Feixoo tamén ocupou páxinas e minutos nos medios de comunicación que replican a axenda temática de Madrid. Nos últimos meses, asistimos ao espido dunha figura, a de Feixoo, que foi construída mediaticamente ao redor dos intereses do PP por gran parte dos medios editados na Galiza e mesmo por aqueles progresistas asentados en Madrid. Estes últimos afanáronse en transmitir unha acción de Goberno de Feixoo que distaba moito da realidade sufrida polas galegas e galegos desde 2009. Facíano co fin de debilitar outros liderados dentro do PP, como mal menor.

Aos poucos, eses mesmos medios amosan as vergoñas, baseadas nos datos, que outros levamos anos evidenciando. O propio Sánchez centra a súa argumentación nas cifras do galego á fronte da Xunta para destruír aquela imaxe de "bo xestor". Feixoo, que en Madrid ataca a débeda contraída polo Estado español, incrementou a galega en máis de 7.000 millóns. A comezos de 2009, esa débeda estaba en pouco máis de 3.900 millóns, cantidade que en marzo de 2022 era de máis de 11.300. E a cifra seguirá a aumentar co seu acólito, Alfonso Rueda, pois os orzamentos de 2023 prevén que alcance os 12.250 millóns o próximo ano.

Afanáronse en transmitir unha acción de Goberno de Feixoo que distaba moito da realidade sufrida polas galegas e galegos desde 2009

E se a débeda fose contraída para crear emprego e reforzar os servizos sociais sería xustificada, mais non. Só hai que reparar nos datos de destrución de emprego: desde marzo de 2009 a febreiro de 2022, a Galiza perdeu máis de 23.000 persoas autónomas e no mesmo período temporal a industria ficou sen máis de 33.500 empregos.

En canto ao gasto en servizos sociais, tan só porei o exemplo da sanidade pública. Aínda esta semana lembrabamos en Nós Diario a caída en máis de 350 millóns do investimento en Atención Primaria desde 2009. Non sei como está o panorama nas vosas nacións, mais no Concello en que eu vivo, Soutomaior, temos que agardar uns 15 días de media para poder ter cita co noso médico. Hai censadas aquí máis de 7.500 persoas para tan só tres médicos que nunca substitúen cando están de permiso, de vacacións ou de baixa. Unha pequena mostra dese "bo xestor".

Comentarios