Opinión

Mocións de censura e réxime do 78

Foi esta unha semana na que as mocións de censura protagonizaron a axenda mediática do noso arredor. Dúas delas presentáronse en Francia, e fracasaron, contra a primeira ministra, Borne. A outra, no Estado español. Mentres en Francia a Asemblea se revolvía contra a imposición da reforma das pensións por parte do Goberno de Macron, en España, Vox defendía a súa moción, mais non para tombar Sánchez e o seu Executivo, senón como estratexia para recuperar o foco de atención, para ampliar o seu espazo político e para pór o PP nun aperto.

O que vimos no Congreso español foi un retrato do réxime do 78. Primeiro, porque a moción foi presentada polo partido que fai unha defensa máis férrea do réxime. E segundo, porque a alternativa presentada a Sánchez foi Tamames, histórico dun partido, o PCE, que foi un dos alicerces dese réxime do 78. Un home que nos últimos días foi beatificado por medios de comunicación españois e que pasou de ser un dos referentes do PCE e de participar na fundación de IU a saltar ás filas do CDS e aos faladoiros da brunete mediática.

A quen non lle saíu ben foi ao PP, pois sabe que calquera alternativa a Sánchez pasa por ir da 
man coa ultradereita

O Goberno de coalición, cun Sánchez que se dedicou a defender o "escudo social" promovido polo seu Executivo e cunha Yolanda Díaz que volveu á primeira liña da escena política a poucos días de presentar a súa plataforma, representou o futuro, mentres que a suposta alternativa representou o pasado, non só pola idade do candidato, senón polas posicións antidemócratas e reaccionarias, ateigadas de falacias e manipulacións.

A Sánchez e Díaz non lles saíu mal. Venderon unidade e gozaron de horas para pór sobre a mesa as actuacións do Executivo, a modo mitin. A Vox tampouco. Conseguiu marcar a axenda e facer que o PP se mova. A quen non lle saíu ben foi ao PP. Dirixidos por Casado, os populares votaran en contra da primeira das mocións presentadas por Vox, mais o PP de Feixoo, aquel que puxo a alfombra vermella ao partido ultra para gobernar en Castela e León, achandou o terreo coa abstención, pois sabe que calquera alternativa a Sánchez pasa por ir da man coa ultradereita. O disfrace da moderación xa queda vello!

Comentarios