Opinión

Martxelo, un mestre

Escribo estas liñas desde Donostia, a onde me desloquei, convidada por Berria, para participar nun "Galeusca de Direccións" que foi o punto de partida da celebración do 20º aniversario do medio euscaldún e onde Martxelo, un mestre non só do ensino, senón, sobre todo, do xornalismo, deu o paso como director a Amagoia Mujika.

Custa pensar no Berria sen Martxelo á fronte do temón, tras vinte anos de entrega e outros dez anos como director do Egunkaria. Un grande exemplo do xornalismo comprometido, sen mordazas, valente, na vangarda, con autoestima e sempre co norte en Euskal Herria.

Contounos que tras saber que Sermos Galiza estaba traballando en publicar un diario en papel pensou: "Pero estes galegos están tolos, a xente fechando xornais e eles lanzando un diario". Mais non tardou en pórse en contacto connosco para axudar no necesario, para difundir en Berria toda a información relativa á posta en marcha de Nós Diario e para propor abrirnos aquela sección de "Cartas cruzadas" que mantiña con Vicent Partal e crear así o "Galeusca de Direccións". Honestidade e xenerosidade son as palabras que máis lle acaen a un home que sufriu en primeira persoa a persecución do Estado español á liberdade de prensa e de expresión e que nos deu unha gran lección de dignidade e superación.

Honestidade e xenerosidade son as palabras que máis lle acaen a un home que sufriu a persecución do Estado español á liberdade de prensa e de expresión

Eis un home de acción que continuará dándonos as chaves da actualidade política e social, mais sen a presión dos fechamentos de edición. Meréceo despois de ser a pedra angular do único diario en papel euscaldún que é un orgullo para o pobo vasco.

É para min unha honra compartir esta páxina semanal con estes dous xigantes do xornalismo, Martxelo e Vicent, de cuxos medios escoitara falar por vez primeira na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e dos que sigo aprendendo. E espero seguir facéndoo por moitos anos e que ese grupo de Whatsapp que mantemos o Martxelo, o Vicent, a Assumpció e eu siga vivo coa incorporación de Amagoia, para seguir tecendo rede entre os tres medios e así dar a coñecer as galegas e galegos a actualidade das vosas nacións, sen deturpacións.

Longa vida, Martxelo! Desfruta da xubilación, con "sentidiño" (léase sen desconectar da actualidade nin de nós). Espero algún día poder devolverche todo o que nos entregaches. Grazas, de corazón, por sempre!

Comentarios