Opinión

Máis leña ao lume

As deficiencias que sofre a sanidade pública na Galiza, motivadas por anos de recortes, continúan a marcar a axenda política. O PP sabe que é o seu talón de Aquiles e trata de ocultar a problemática organizando, sen éxito de convocatoria, protestas nas cidades contra a Lei do “só si é si”.

Concentracións ás que só van os seus -candidatas e cargos orgánicos e institucionais do partido-. Ao igual que sabe que a interpretación retorcida da citada lei desgasta o Executivo do Estado español, é consciente de que a situación de colapso da sanidade pública fai dano (e moito) ao Goberno galego. Mais en lugar de admitir a nefasta xestión e reverter os recortes, a Xunta da Galiza vén de receitar para a desfeita sanitaria máis privatización.

Apenas tres días despois da mobilización multitudinaria que encheu as rúas de Compostela o pasado domingo -a máis grande en defensa da sanidade pública na historia da Galiza-, o Goberno galego anunciaba que chegara a un acordo con tres colexios médicos, o da Coruña, de Ourense e Lugo -non co de Pontevedra, pois o órgano colexiado rompeu relacións coa Consellaría ao responsabilizala da situación crítica que vive o sistema sanitario-, para flexibilizar o réxime de incompatibilidade das médicas e médicos do sector público para que poidan exercer ao tempo en centros privados, mesmo en aqueles con concertos sanitarios financiados pola Administración galega. A día de hoxe, hai 630 facultativas e facultativos do Sergas que traballan tamén na sanidade privada.

A Consellaría sentou cos citados colexios médicos -cuxos órganos de dirección foron elixidos por menos do 10% da profesión, segundo fontes sindicais- mais negouse a escoitar os sindicatos maioritarios e a plataforma SOS Sanidade Pública, convocante da manifestación que xuntou máis de 50.000 persoas na capital. O colectivo, que presentou unha ILP para o seu debate no Parlamento encamiñada a reverter o colapso da Atención Primaria, ve no acordo da Xunta cos colexios unha resposta á patronal da sanidade privada, que dixo precisar 120 médicas e médicos máis para atender os concertos que ten asinados a día de hoxe coa Administración galega.

Comentarios