Opinión

Leite, demografía e rural

Hai datos que o explican todo. A sexta feira, Nós Diario publicaba que Galiza perdeu 94.176 explotacións lácteas desde a integración do Estado español na Comunidade Económica Europea (CEE), antecedente da actual Unión Europea. A referida crónica sinala que o país contaba en 1985 con pouco máis de 100.000 granxas de leite, cuxa cifra se viu reducida en xullo de 2023 a 5.824. Só entre xaneiro e xullo deste ano cesaron na súa actividade 324 explotacións lácteas.

O sector representou e representa a columna vertebral do rural galego desde hai moitas décadas. Malia os recortes de produción impostos a Galiza polas autoridades comunitarias para beneficiar os intereses da agricultura dos Estados centrais da UE, nomeadamente de Francia, para quen a UE elaborou unha Política Agraria Común (PAC), o país segue a ser un gran produtor lácteo, rexistrando un total anual de perto de 3,4 millóns de toneladas, que representa máis de 41% do total do leite do Estado español.

A reconversión do complexo agrario galego decretado desde a Unión Europea mudou estrutural e superestruturalmente o país. O fechamento desas 94.176 explotacións lácteas, que afectou a outras tantas familias que tiñan nelas o seu medio principal de vida, explica o despoboamento do medio rural, que deixou nas últimas décadas centos de lugares abandonados e provocou un éxodo urbano en busca de saídas laborais que o campo xa non ofrecía.

A reconversión do complexo agrario galego decretado desde a unión Europea mudou estrutural e superestruturalmente Galiza

Segundo os datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) para 2022, último ano con cifras, 1.895 núcleos de poboación galegos carecen de habitantes, situándose estes naquelas zonas onde máis caeu a produción agraria. Ao tempo, os municipios rurais galegos, noutrora cunha lóxica demográfica semellante á do resto do país, concentran a poboación máis envellecida, situándose o índice de envellecemento en 207,31 puntos en 2021, é dicir, 78,4 por riba do conxunto do Estado español. Na mesma dirección, a porcentaxe de maiores de 65 anos medrou en 3,2 puntos desde 2011, alcanzando 25,37% do total da poboación galega en 2021.

Por outra parte, Galiza é a autonomía do Estado con máis superficie agraria abandonada (SAU), sendo esta de 21%, fronte a 47% de media do Estado español e 40% dos territorios da Unión Europea. Ao tempo, tense reducido nas últimas tres décadas dun modo moi considerábel, pasando de 748.000 hectáreas en 2002 a 621.000 en 2017, último ano do que existen rexistros oficiais. Neste sentido, a situación actual pon en evidencia a natureza do proceso de  reestruturación agraria na Galiza, que non foi acompañada doutras alternativas laborais no rural e cernou, tamén, o desenvolvemento dun sector transformador que xerase valor engadido ás producións.

A detonación do complexo agrario galego configurou unha nova estrutura social do país. As súas consecuencias chegaron a diferentes esferas e afectaron a diversas realidades, sendo a lingua do país un dos principais damnificados desta situación. Malia que a perda de falantes e a desgaleguización das franxas máis novas da sociedade non ten unha relación causa-efecto con esta realidade, sen o acontecido no rural galego nestas últimas catro décadas tampouco se entendería. Porén, a situación complícase cando obviamos a realidade que vivimos.

Comentarios