Opinión

Facer valer Galiza

Vicent, cando escribo estas liñas coñecemos o alcance do pacto entre ERC e o PSOE e mais o do BNG e o PSOE para investir Pedro Sánchez presidente do Estado español. Tamén a rabecha do PP, que chegou a convocar todos os conselleiros e conselleiras para acompañar Alfonso Rueda nunha comparecencia institucional de urxencia na mañá da sexta feira contra os citados acordos. O propio presidente galego cancelou toda a súa axenda para tratar de magnificar a importancia da súa rolda de prensa.

Pouco creto ten un partido que despois de 14 anos gobernando Galiza non conseguiu ningunha transferencia de competencias. De feito, Alberto Núñez Feixoo pasará á historia, entre outras cuestións, por ser o presidente das cero competencias. Pouco creto ten un partido que agora di defender actuacións que no seu día, á fronte do Executivo español, tombou por activa: eis o caso da transferencia da principal vía que une o sur e o norte da Galiza no seu eixo atlántico, a autoestrada AP-9.

Precisamente, a AP-9 protagoniza un dos 23 puntos do acordo de investidura alcanzado polo PSOE e o BNG, que contempla novos descontos nas portaxes deste viario e da AP-53, traballar para acabar coas peaxes e transferir, por fin, a AP-9 á Galiza. Para que vos situedes, Vicent, na Galiza atópanse dúas das tres autoestradas do Estado co máximo tempo autorizado para seren explotadas en concesión por unha empresa privada, estas dúas sobre as que escribo. A data de reversión da autoestrada que une Tui e Ferrol é en 2048, froito das prórrogas concedidas no seu día por gobernos estatais de PP e PSOE, e a que une Compostela coa comarca do Deza é 2074. Para completar a fotografía, Galiza é, ademais, a autonomía líder en quilómetros de viarios de pago: 330,8 km. De aí que as persoas usuarias da AP-9 agradecésemos como auga de maio o anterior pacto de investidura alcanzado polo BNG e o PSOE e polo cal se bonifican os traxectos de volta da AP-9.

Como veño contando nestas páxinas, Vicent, a Galiza sofre un déficit de infraestruturas enorme. A este respecto, o novo acordo entre o PSOE e o BNG contempla un Plan de modernización da rede ferroviaria con importantes e xustos beneficios para a Galiza e a implantación do servizo de proximidade, pois aquí carecemos del, a pesar de que áreas metropolitanas como a de Vigo e Pontevedra e a da Coruña e Ferrol suman máis habitantes que outras zonas do Estado español que dispoñen de rede de 'cercanías'. 

Por outra parte, inclúe melloras en estradas estatais; medidas compensatorias análogas para Galiza ás condonacións de débeda adquiridas por autonomías; creacións de xulgados específicos sobre violencia machista; actuacións para o impulso e difusión da lingua galega, etc.

O acordo mostra a importancia de que haxa candidaturas de obediencia galega capaces de condicionar a actuación política. Nos Països Catalans, Vicent, tedes boa mostra disto. No caso galego, o BNG conta cun só deputado -e unha senadora-.

Hai quen di que o pacto non é suficiente. Imaxinemos entón que as deputadas e deputados galegos respondesen aos intereses da Galiza e non do que lles ditan os seus partidos desde Madrid. Imaxinemos que ese núcleo duro que rodea Feixoo, empezando pola ex secretaria xeral de Medios que excluíu Nós Diario das subvencións á prensa escrita -e que hoxe conta cun escano no Congreso por Madrid-, así como o resto dos seus asesores galegos en materia de comunicación, hoxe parlamentarios pola capital española, defendesen os intereses galegos. Ou Pilar Rojo, ex presidenta do Parlamento galego residente en Pontevedra a quen o PP colocou nas listas de Albacete.

Comentarios