Opinión

Dun vello reino a unha república

Nós Diario agasalla hoxe as súas lectoras e lectores cunha biografía de Pardo de Cela coa que inaugura a súa colección “Biografías esenciais do Reino da Galiza”, que pretende restaurar a memoria da máis antiga entidade política do espazo peninsular, aquela que naceu á volta do século V e se mantivo con práctica independencia até o período dos Reis Católicos, que afogaron a sangue e lume as aspiracións de liberdade do país, mediante unha guerra de conquista que avanzou os métodos aplicados posteriormente en Granada e América.

Pedro Pardo de Cela. Vida, morte e memoria dun nobre galego, libro da autoría do profesor da Universidade da Coruña Alexandre Peres Vigo, que hoxe se entrega co xornal, non só achega a loita e o martirio dese rebelde galego asasinado por orde dos Reis Católicos, senón que ofrece unha panorámica da revolta galega do século XV, cando un amplo movemento de carácter nacional e popular tentou virar a sorte do país, arredándoo de Castela, uníndoo a Portugal e ligándoo aos pobos atlánticos, na liña da alternativa defendida por Fernando Ruis de Castro 100 anos antes.

A biografía de Pardo de Cela terá continuidade nos dous últimos sábados de decembro cunha achega á revolta das abadesas galegas do século XV e XVI e cun percorrido pola vida Fernando Ruis de Castro. O primeiro dos estudos foi elaborado a dúas mans polas investigadoras Carme Varela e Carolina Casal, quen sinala que as abadesas, soterradas polo masculinizado relato da historia, foron as Pussy Riot do medievo, e o segundo polo historiador e ensaísta Francisco Rodríguez, que durante 2022 elaborou dous voluminosos estudos sobre a revolución galega do século XIV e a dinámica do reino galego como elementos chave para comprender os aspectos basilares da cuestión nacional galega.

As “Biografías esenciais do Reino da Galiza”, que che farei chegar, Vicent, van máis alá da recuperación e posta en valor de persoas centrais da nosa historia nacional. Os tres volumes certifican a existencia dun reino galego e dunha Galiza rebelde, que unha vez comezado o proceso de incorporación subordinada do país á coroa de Castela á volta de 1230, ergueuse unha e outra vez defendendo a súa liberdade.

A revolución galega do século XIV, que se alonga de 1357 a 1386, e a revolta do século seguinte, entre 1475 e 1486, foron expresión dun movemento de carácter nacional popular con diversos protagonistas e liderados e que só puido ser derrotada pola acción violenta de forzas alleas a Galiza.

As revoltas do século XIV e XV explícanse pola conciencia de pertenza a unha realidade política diferente de Castela, o Reino da Galiza, cuxa historia se alongou entre os séculos V e XV.

A súa existencia explica o gran desenvolvemento do románico no país, coa catedral de Compostela á cabeza -cuxo estilo orixinal era románico-, a rica literatura dos cancioneiros ou o nacemento e formación na Galiza nuclear de boa parte dos monarcas do período.

A súa ocultación, como veño evidenciando en artigos anteriores, atende ao obxectivo de falsificar a historia para póla ao dispor do proxecto 
unitario español.

A súa negación tenta evitar que o vello reino de Fernando Ruis de Castro, das abadesas rebeldes e de Pardo de Cela non remate convertido en república.

Comentarios