Opinión

O teatro madrileño

É a expresión da banalización da política. A política como aparencia e non como servizo público destinado a resolver os problemas da cidadanía e facer progresar a sociedade. É a dimisión práctica das e dos responsábeis públicos nas funcións que teñen encomendadas e a súa conversión en figurantes dun teatro co que confundir a poboación.

Estamos diante dun show dos malos. Asistimos a un espectáculo guionizado arredor do insulto, da sobre representación e da crispación. Unha comedia na peor tradición cañí, onde os actores e actrices protagonistas non pasarían de “extras” nas grandes obras do teatro universal. Un esperpento máis, desa vila corte, habituada a vivir do espolio dos próximos. A traxicomedia dunha metrópole fundada no século X polo emir Mohamed I e que agora discrimina aquelas irmás de relixión do fundador.

Fálovos da polémica xurdida o 2 de maio entre a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, e o ministro da Presidencia do Goberno do Estado, Félix Bolaños. A negativa dos servizos de protocolo do Executivo de Ayuso a permitir o acceso á tribuna das autoridades a Bolaños e os diversos intentos deste por coarse dan a medida do nivel da política madrileña, que os medios de comunicación da capital española queren trasladar a todo o Estado, nun bipartidismo que marca o réxime de 1978, como antes marcou aquela I Restauración ideada por Cánovas e ridiculizada polo teatro con maiúsculas dun Valle-Inclán que nunca deu agochado o seu seseo galego.

A crispación, o clima de confrontación e a pobreza intelectual da política madrileña é anterior a ese trumpismo á española que ten díaz ayuso como musa

A crispación, o clima de confrontación e a pobreza intelectual que achegan os políticos madrileños é anterior a este trumpismo á española que ten Díaz Ayuso como musa. É o mesmo clima que denunciou Daniel Castelao cando nos meses previos a xullo de 1936 afirmaba que “os políticos e os ricos madrileños lévannos á guerra pola súa estupidez”. O mesmo ambiente contra o que advertiu en Euskadi o lehendakari José Antonio Aguirre ou aquel precoz independentista chamado “Eli” Gallastegi e en Catalunya o presidente Maciá na década dos 20. Estamos ante o Madrid de sempre.

Comentarios