Opinión

A culpa, das mulleres

"Vístese coas mallas de deporte. Vai correr pola noite. Que sucede agora? Non debería pasar pero pasa"; "Unha discoteca, unha copa desatendida. Que sucede agora? Non debería pasar pero pasa"; "Unha moza camiña soa de noite. Leva as chaves na man. Que sucede agora? Non debería pasar pero pasa". Estes son os lemas da campaña institucional da Xunta da Galiza polo 25 de novembro. Unha campaña que, en tan poucas palabras, culpa a vítima e evidencia a visión patriarcal de quen nos goberna.

Esta idea machista e paternalista vese reflectida, así mesmo, no cartaz editado polo Carballiño, concello gobernado polo PSOE, onde se mostra un zapato de cordóns (dun suposto home) pisando un zapato de tacón (dunha suposta muller). "Non te deixes pisar. Non te deixes matar", como se as mulleres se deixasen maltratar e asasinar, como se fosen responsábeis da violencia que exercen os homes sobre elas.

A violencia machista non ten a ver nin coa escolla que fan as mulleres da súa vestimenta nin co contexto, senón coa posición de dominio e poder do patriarcado

Como advertiu a Marcha Mundial das Mulleres, a violencia machista non ten a ver nin coa escolla que fan as mulleres da súa vestimenta nin co contexto, senón coa posición de dominio e poder do patriarcado. Porén, exemplos como os anteriores mostran a falta de filtros con perspectiva de xénero na Administración pública e a necesidade de dirixir as campañas aos maltratadores.

Este 25 de novembro conmemorouse nun contexto marcado polas máis de 6.200 mulleres vítimas de violencia machista do último ano, segundo os datos da Fiscalía. Malia acharnos diante dun problema de marcado carácter estrutural, continúa sen ser unha prioridade para o Goberno galego, que reduciu a contía das partidas dirixidas a activar políticas contra a violencia de xénero e a apoiar as vítimas. De feito, o proxecto de lei de orzamentos contempla para 2023 un total de 20,5 millóns á loita contra a violencia machista, tan só o 0,16% do total.

O escaso compromiso reflíctese no recorte de 186.000 euros en relación ao pasado ano e, sobre todo, a respecto do consignado nos últimos orzamentos elaborados polo Goberno de PSdeG e BNG na Xunta, que destinou 31,2 millóns. Porque a loita contra a violencia machista, en todas as súas manifestacións, non pode ficar reducida aos minutos de silencio, aos lazos violetas e ás campañas institucionais. Os recursos económicos son fundamentais.

Comentarios