Opinión

Conta atrás para os 1.000

Comezamos esta fin de semana a conta atrás para a chegada do número 1.000 de Nós Diario. Mil números que son posíbeis grazas ás persoas que nos apoian coas súas subscricións, ás empresas e institucións anunciantes, ás colaboradoras e colaboradores, ás persoas accionistas, ás lectoras e lectores e, por suposto, ao Consello de Administración, que acreditou en que Nós Diario era necesario e posíbel, e aos traballadores e traballadoras. 

Arrancamos esta celebración, Vicent, coa publicación do noso coleccionábel máis ambicioso e especial, que che farei chegar, para pór en valor o patrimonio de castelos e torres galegas. Precisamente, este sábado Nós Diario chega acompañado coa primeira das entregas do coleccionábel “30 castelos e torres galegas para descubrir un reino”, unha publicación coa que agasallamos todas as persoas que compren o diario e, por suposto, as subscritoras. É a nosa maneira de agradecer a aposta por un medio que naceu desde abaixo e que practica un xornalismo socialmente responsábel e honesto, cunha óptica galega desacomplexada, que valoriza a Galiza e que olla o mundo desde nós.

A publicación do coleccionábel, que consta de 32 entregas de 16 páxinas cada unha, a toda cor, grampada e en gran formato, non sería posíbel sen o esforzo dun home tan bo e xeneroso como sabio e rigoroso, o enxeñeiro naval e investigador Héitor Picallo, que coordina un equipo de autoras e autores e un consello asesor formado polos estudosos máis brillantes do ámbito. Desde este sábado, 14 de outubro, de terzas feiras a sábado Nós Diario chega acompañado dos fascículos do que consideramos unha xoia documental.

Mais o coleccionábel é só unha parte, pois a celebración do número 1.000 do diario continúa coa convocatoria de actos que decorrerán ao longo da Galiza co fin de que as subscritoras e subscritores nos fagan as súas achegas. Serán encontros -o primeiro deles a próxima sexta feira, día 20 de outubro, na capital, Compostela-, abertos a toda persoa interesada en Nós Diario. Queremos falar de ti a ti, afortalar ese fío de complicidade que tecemos coa rede de apoios que tivemos ao longo destes mil números, co fin de mellorarmos e de conseguir que un medio como o noso teña futuro. Depende, como dicía o noso lema, de nós.

Ademais deste coleccionábel que se mergulla nos recintos fortificados máis sobranceiros do patrimonio arquitectónico e histórico da Galiza e dos encontros ao longo do país, o día 11 de novembro, cando sumamos o número 1.000, publicaremos un especial cos protagonistas dalgúns dos fitos máis salientábeis que tiveron lugar desde o nacemento de Nós Diario, en xaneiro de 2020. Ese 11 de novembro, ademais, voltará aos quioscos unha outra edición de “A formiga no carreiro”, a revista de pasatempos en galego de Xoán Costa e Xerardo Roca que supuxo unha revolución nos quioscos e cuxa primeira edición, publicada en xullo de 2023, gozou dun grande éxito.

De maneira colectiva, entre todas e todos, queremos aumentar o número de subscricións para que Nós Diario siga a ser viábel. Ese futuro pasa por lograr máis apoios nun contexto marcado pola exclusión á que a Xunta da Galiza segue a someter o único diario en papel en galego, a quen trata de afogar economicamente cunha política de axudas clientelar e excluíndoo das grandes campañas de publicidade.

Ollamos, Vicent, para esa confianza recíproca coas persoas subscritoras que fixo de Vilaweb referente no ámbito mediático dos Países Cataláns. Chegamos ao número 1.000 e queremos chegar a mil máis. Porque Nós Diario é posíbel e necesario, como vimos demostrando.

Comentarios