Opinión

Chegar a vós

Son arredor de 5.000 os quilómetros percorridos no último mes no marco da campaña do número 1.000 de Nós Diario que nos levou a máis dunha vintena de lugares. De Xinzo de Limia a Foz, de Verín a Corcubión, de Ponteareas a Ferrol, da Guarda a Monforte... 5.000 quilómetros en apenas un mes para pór cara ás subscritoras e subscritores, para compartir con elas conversa, para resolver dúbidas e atender suxestións.

Vicent, non sabes canto agradezo aplicar a idea dos teus encontros con subscritores e subscritoras á Galiza. Que experiencia máis enriquecedora! Non vou ocultar que foi intensa no sentido de meterlle moitas horas na estrada ao corpo, cuns percorridos na maior parte das veces acompañados de chuvia (moita), vento e néboa e cunha rede viaria en estado lamentábel na meirande parte dos casos. Non houbo un traxecto en que non pensase na cantidade de vidas que poderían salvarse (e accidentes evitarse) se as autoridades públicas tomasen en serio a seguridade viaria, mantivesen en correcto estado as estradas e eliminasen os puntos negros. É unha cuestión de prioridades, e está visto que as infraestruturas, na Galiza, non o son, nin para o Goberno español, nin para o galego.

Volvendo aos actos en si, que necesarios son! De feito, ao longo do ano que vén gustaría de seguir compartindo con todas as interesadas e interesados en Nós Diario máis conversas aos lugares aos que desta vez non chegamos. Grazas ás ao redor de mil persoas que vos achegastes a preguntarnos por que non temos delegacións comarcais; por que non facemos coberturas locais; por que carecemos de pezas audiovisuais no diario dixital; por que non publicamos podcast; por que non saímos os sete días da semana... Cando vos expuxemos a dimensión da nosa redacción e os recursos cos que contamos, non só o entendestes, senón que valorastes, aínda máis, o traballo que facemos.

Grazas a todas e todos os que nos felicitastes por, con medios tan modestos, informar de maneira independente cunha liña editorial baseada na defensa dos intereses galegos; pola nosa sección de internacional; pola axenda cultural; pola pluralidade da sección de opinión e mais pola pluralidade que achegan as máis de 75 persoas analistas que, con distintas ideoloxías e perspectivas, publican cada mes en Nós Diario; polo uso coidadoso da lingua galega; polos coleccionábeis; por espir, sen medo, o negocio eólico, o mineiro, o da sanidade privada, o das residencias privadas... por tantas e tantas cuestións que se resumen en que un xornalismo crítico e valente é imprescindíbel para fortalecer a democracia.

Asegúrovos que tomamos nota -xa me vistes coa axenda apuntando en cada acto- das vosas ideas para tratar de aplicar melloras dentro das nosas posibilidades económicas e que faremos todo o que estea na nosa man para seguir traballando co fin de consolidar e nun futuro, aos poucos, agrandar Nós Diario. Tanto cariño, tanto ánimo, tanta forza, tanto entusiasmo, tantas palabras de apoio, tanto convencemento... fan que superemos todos os obstáculos que nos poñen quen queren amedrentarnos e acabar cun xornalismo galego, crítico e independente.

Grazas, tamén a través destas liñas, ao subdirector, Alberte Mera, por meterlle tantas horas ao traballo e facer posíbel que eu puidese estar en cada un dos actos, e ao compañeiro Manuel Carbón, por levarme aos últimos. Grazas, por suposto, a todas as traballadoras e traballadores desta casa, que saben o que supón enfrontarse ás páxinas en branco cada xornada laboral, aos que atenden todas as intendencias e chamadas e a quen fai números para que Nós Diario sexa economicamente viábel. E, grazas, como non, ao Consello de Administración, por tanto.

Comentarios