Opinión

As chaves das eleccións do 18-F

Querido Vicent, finalmente as galegas e os galegos votaremos o 18 de febreiro. Malia que os anteriores comicios decorreran en xullo de 2020, o Partido Popular decidiu adiantar as eleccións galegas premido por unhas sondaxes que desde o mes de setembro viñan sinalando unha caída constante no seu apoio electoral e un incremento da vontade de mudanza entre a poboación galega. Tanto é así que os últimos estudos de opinión encargados desde o partido do Goberno e desde as forzas da oposición parlamentaria indican que máis do 60% da cidadanía galega aposta por unha mudanza política á fronte da Xunta da Galiza.

O adianto electoral anunciado polo presidente Alfonso Rueda na mañá da quinta feira non colleu por sorpresa nin as forzas da oposición nin o corpo electoral galego. Esta posibilidade víñase barallando de maneira insistente desde a volta das vacacións do verán, até o punto de que a finais de setembro nestas páxinas xa se informou que o Partido Popular traballaba para convocar os comicios entre a última quincena de febreiro e a primeira de marzo. Neste sentido, nas últimas semanas, o 18 de febreiro xa ficaba como data de referencia para os comicios no plan de traballo de nacionalistas e socialistas, así como das casas de enquisas habituais dos populares.

O punto de partida para estas eleccións galegas é diferente dos tres comicios anteriores en que o Partido Popular alcanzou a maioría absoluta. Se nesas tres ocasións, as sondaxes debuxaban no momento da convocatoria electoral un escenario moi complicado para o cambio político, desta vez a realidade é diferente. De feito, ningunha das tres últimas enquisas, elaboradas na primeira quincena de decembro, lle garanten ao PP a posibilidade de conformar Goberno e, pola contra, outórganlle á oposición os escanos suficientes para articular un Executivo alternativo. Sexa como o for o resultado final, a un mes e medio das eleccións todos os 
escenarios están abertos.

O Partido Popular chega tocado a esta cita. Na súa contra, xogan as políticas desenvolvidas nos últimos anos que xeraron un importante malestar social, por exemplo entre as persoas usuarias de servizos públicos como a sanidade, e un candidato, Alfonso Rueda, nomeado a dedo por Alberto Núñez Feixoo, cun escaso tirón electoral. Neste contexto, a campaña electoral do PP diríxese a desmobilizar o votante progresista, tentando fixar a idea da imposibilidade do cambio. A propia data escollida para a cita electoral, en plena de semana do Entroido, unhas festas que paralizan Galiza durante días, responde a esa mesma intención.

Por outra parte, as forzas da oposición chegan nunha situación desigual a estes primeiros momentos do proceso electoral. Mentres as sondaxes sitúan o BNG como segunda forza electoral destacada, e cunha importante alza na representación en relación ás eleccións de 2020, o PSdeG continúa estancado nos resultados de hai catro anos. Ao tempo, ningunha enquisa garante a entrada na Cámara galega a Sumar nin a Vox, polo que todo apunta nesta altura a que a batalla electoral volverá ser a tres: PP, BNG e PSOE. Neste contexto, resulta chave que as forzas nacionalistas e de esquerdas teñan claro que sectores sociais e que colectivos deben mobilizar, xa que a alternativa na Galiza ao PP será plural ou non será.

Comentarios