Opinión

"Chamoume" o CIS

Vicent, escribo estas liñas xusto despois de recibir unha chamada do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) para facerme unha enquisa de cara ao próximo barómetro. Era a miña primeira vez e sorprendeume que apenas poidas reflexionar as respostas a preguntas de certa complexidade. Decanteime por este tema porque de seguro que hai moitas lectoras e lectores que, coma min, nunca tiveran a oportunidade de participar nunha destas enquisas e teñen certa curiosidade acerca de como se desenvolven.

Recibín a chamada dun número móbil, o meu teléfono non indicaba spam nin o lugar desde onde se realizaba. Enseguida se identificou a interlocutora e me indicou para que se trataba. Tamén me leu unha cláusula relativa á Lei de protección de datos e advertiu de que a enquisa ocuparía entre 12 e 15 minutos. E, por suposto, en canto me chamaron, busquei no computador o número de teléfono e ratifiquei que se trataba do CIS.

Non me preguntaron se estaba a favor da reforma da Constitución española. Non o esperaba, pois despois de decembro de 2020, o CIS deixou de preguntar por esta cuestión. Nesa enquisa, o resultado falaba por si só: 69,3% das galegas e galegos apostaban pola súa modificación profunda. Nada fóra da tónica da última década, xa que as sondaxes publicadas ao respecto evidencian a caída do apoio social á Constitución e, de feito, onde se produce unha maior perda de adhesión é en Catalunya, Euskadi e Galiza.
Tampouco me preguntaron nada relativo á monarquía.

E tampouco me estrañou, xa que o CIS leva case unha década sen preguntar por nada relativo á Casa Real Española a pesar dos escándalos que a sacoden. A última vez que o organismo sociolóxico preguntou sobre a monarquía foi en abril de 2015, cando xa era rei Felipe VI. Por certo, suspendeu, cun 4,34 sobre 10, o cal provocou o borrado da pregunta até o día de hoxe. O CIS xustifica a ausencia de preguntas sobre a forma política do Estado español en que “xa hai información” sobre monarquía/república e a Casa Real Española “fóra” do organismo.

A Xustiza e o Exército foron outras das ausencias clamorosas da enquisa. Realizáronme unha pregunta sobre a invasión de Rusia a Ucraína, sobre canto me preocupaba, mais non me preguntaron que me parecía o envío en armamento a Kíiv. O xenocidio do pobo palestino ocupou tres das preguntas da enquisa, mais non enfocado como un exterminio, senón como unha “guerra” en Oriente Próximo, como se Palestina estivese nas mesmas condicións de Israel para se defender.

E, como é obvio, non preguntaron nada sobre as nacións sen Estado. Xa aludín eu ao centralismo como problema estrutural e á falta de recoñecemento das nacións cando querían saber cales son as miñas preocupacións como cidadá e cales son os problemas de España. Si preguntaron pola amnistía, se coñecía o contido da lei e se vía xustificadas as manifestacións contrarias.

Algo que me sorprendeu foi a pregunta vinculada a canto diñeiro entra no fogar, mais en ningún momento me preguntaron cantas persoas vivían nel. O coñecemento e valoración de Pedro Sánchez, Alberto Núñez Feixoo, Santiago Abascal e Yolanda Díaz; se votara e a quen nas últimas eleccións estatais; se votaría e a quen se houbese mañá eleccións; a quen votaría se non puidese votar a primeira opción que formulei; como valoro a situación económica; a que clase social considero que pertenzo; se son de esquerdas ou de dereitas e en que grao... E máis preguntas xerais, pero, insisto, nada relativo aos nosos problemas nacionais.

Comentarios