Opinión

Canto pesa e como fede!

Tomo prestada, para o título, a idea de Castelao ao retratar unha muller que carga sobre as súas costas cun ataúde coa verba LEX, e baixo a cal pode lerse o "Canto pesa e como fede", referida á xustiza. E fago uso dela pola decisión que vén de adoptar o Tribunal Supremo, que cedeu ás presións da patronal e dos sindicatos españois CCOO e UXT, para manter a fábrica de celulosa de Ence na ría de Pontevedra, contradicindo dúas sentenzas previas da Audiencia Nacional.

Quen nacemos nas proximidades de Pontevedra coñecemos o fedor que emana a citada fábrica, instalada na ría cunha concesión outorgada -sen prazo determinado- por Franco en 1958. Ao carecer de prazo determinado, entendeuse concedida por 30 anos desde a entrada en vigor da Lei de costas de 1988, co cal, debía abandonar a ría en 2018. O Goberno de Raxoi, en funcións, saíu ao seu rescate e prorrogou a permanencia até 2073. Unha ampliación que supón unha auténtica fraude, pois os 230 millóns que pagaron ao Estado Caixa Galicia, o Banco Zaragozano e Bankinter en 2001 para culminar co proceso de privatización da empresa valoráronse tendo en conta que a concesión concluiría en 2018 e non en 2073. É dicir, a día de hoxe, Ence emprega, de balde, un espazo de dominio marítimo-terrestre.

O Supremo botou por terra a xurisprudencia do Constitucional e o criterio da Avogacía do Estado, que defendían -tal e como recolle a Lei de costas- que só se permite a ocupación do dominio marítimo-terrestre para actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización. Ence si podería ter outro emprazamento para desenvolver a súa actividade.

Entenderemos todo isto mellor se apuntamos os vínculos do PP con Ence, empresa en cuxo Consello de Administración sentaron, entre outros, Isabel Tocino, ex ministra de Medio Ambiente con Aznar, e Carlos del Álamo, ex conselleiro de Medio Ambiente con Fraga. E tamén, se reparamos na imaxe na que Sánchez Galán, presidente de Iberdrola, abrazaba efusivamente a Feixoo na toma de posesión como presidente da Xunta. O home sorrinte ao que dirixe a ollada Feixoo é Arregui, presidente de honra e primeiro accionista de Ence e ex vicepresidente de Iberdrola.

Comentarios