Opinión

Cando a vida dunha crianza palestina vale menos...

Unha vaga de mobilizacións percorre o mundo: da Galiza a Londres, de Bagdad a Bogotá, de Nova York a Ammán... Milleiros de persoas saen á rúa contra o xenocidio que o Estado de Israel está a perpetrar contra o pobo palestino. Mais tamén está a pantasma do gran poder, que apoia de maneira explícita o réxime sionista, comezando pola Comisión Europea e os EUA.

Paréceme vergoñento que á altura en que escribín estas liñas, a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, non dimitise. Xa non esperaba que se pronunciase contra o ataque desproporcionado do Exército israelí contra as palestinas e palestinos, pois tampouco o fixo nunca contra a ocupación ilegal do territorio de Palestina. Porén, a visita a Netanyahu e o izado da bandeira israelí en Bruxelas son absolutamente reprobábeis, como reprobábel é que se condenen os ataques terroristas de Hamás pero non o terrorismo que leva anos practicando o Estado de Israel.

Tanto teñen os dereitos humanos. Tanto ten o dereito internacional. Cando se trata de Israel e de Palestina, a vara de medir resolve sempre a favor dos israelís

Semella, como tantas e tantas veces, que existe unha dupla vara de medir e que non todas as vidas valen o mesmo. Para gran parte da denominada comunidade internacional, a vida dunha crianza israelí vale máis que a dunha palestina, quizais porque hai quen se identifica máis cos hábitos de vida... e, noutros conflitos, coa cor do cabelo ou co ton da pel. Para gran parte da comunidade internacional, o pobo palestino é un pobo de segunda. Tanto teñen as múltiples resolucións da ONU. Tanto teñen os dereitos humanos. Tanto ten o dereito internacional. Cando se trata de Israel e de Palestina, esa vara de medir, esa métrica, resolve sempre a favor dos israelís.

As fachadas dos edificios públicos, que logo de que Rusia invadira Ucraína, en febreiro de 2022, vestían a bandeira azul e amarela, hoxe non locen a negra-branca-verde co triángulo vermello. Tampouco colgan das paredes dos centros de ensino murais contra a guerra en Palestina e, por iso, as nenas e nenos que hai ano e medio saían da escola con debuxos cheos de flores, corazóns ou pombas da paz coa bandeira ucraína ignoran o que acontece en Gaza e Cisxordania.

Van sete décadas de ocupación ilegal do territorio. Sete décadas de agravios a un pobo que foi sometido a unha política de apartheid coa complicidade de Occidente. Sete décadas de castigo a milleiros de persoas amoreadas nun espazo cada vez máis reducido e illado. Sete décadas que non foron suficientes para un réxime opresor que agora busca levar a cabo unha limpeza étnica, expulsando e exterminando un pobo que só quere a súa lexítima autodeterminación.

As palabras do ministro de Seguridade israelí ao pouco de coñecerse o bombardeo sobre o hospital de Gaza que deixou perto de 500 persoas falecidas non fan senón demostrar o odio que vomita o Executivo de Israel: "Mentres Hamás non libere os reféns que ten nas súas mans, o único que necesita entrar en Gaza son centos de toneladas de explosivos da Forza Aérea, nin un gramo de axuda humanitaria". Un horror para o cal, infelizmente, non se está a buscar solución. Nin sequera se apela a frear a matanza, a un alto o fogo. Ao contrario, actitudes como a de Von der Leyen –a quen, por certo, sacou as cores a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, cunha valente e necesaria intervención no último Pleno da Eurocámara– e a de Biden contribúen a alimentar un conflito para o que non se albisca unha esperanza en forma de paz.

A única luz neste contexto de destrución, cascallos e sangue é a que dan os milleiros de persoas que se manifestan, de maneira pacífica, para pedir a fin do xenocidio. Precisamente, e tras as mobilizacións que tiveron lugar na segunda feira, as galegas e galegos volverán saír ás rúas este domingo baixo o lema "Paremos o xenocidio na Palestina".

Comentarios