Opinión

Cando o raposo coida as galiñas

Martxelo, Vicent, o 17 de maio, Día das Letras Galegas, milleiros de galegas e galegos saíron ás rúas, da man da plataforma Queremos Galego, para reivindicar o dereito a vivirmos na lingua propia da Galiza, porque a día de hoxe segue a ser unha quimera. A política lingüística perpetrada polo PP, desde o Goberno galego, está a darlle o resultado desexado.

Así, o Censo sitúa por vez primeira o castelán como a lingua usada con máis frecuencia na Galiza e o Instituto Galego de Estatística reflicte que un de cada catro menores de 15 anos non sabe falar galego. Ademais, un estudo da Real Academia Galega denuncia o efecto desgaleguizador do ensino advertindo de que un de cada tres alumnos castelanfalantes conclúe a ESO con escasa competencia en galego.

En lugar de defender e promover o seu uso, como obriga a cativa lexislación, o Goberno galego actúa contra o idioma galego

En lugar de defender e promover o seu uso, como obriga a cativa lexislación en materia lingüística, o Goberno galego actúa, por activa e por pasiva, contra o idioma galego. A cruzada do PP contra a lingua comezou ao pouco de recalar Alberto Núñez Feixoo na Xunta da Galiza, co decreto 79/2010 de plurilingüismo no ensino, que prohibe impartir materias como as Matemáticas en galego. Mais Alfonso Rueda, quen substitúe Feixoo desde que foi nomeado senador por designación autonómica para facer, con diñeiro público, de xefe da oposición a Pedro Sánchez, non é mellor. De feito, participou nunha manifestación contra o galego convocada en 2009 polo colectivo ultraespañolista Galicia Bilingüe, todo un antecedente do que serían os pactos do PP con Vox.

E, neste contexto, infelizmente, Nós Diario segue a ser o único diario en papel en galego e non porque non haxa demanda, senón porque a Xunta da Galiza unta con diñeiro público, a través de subvencións, publicidade e, sobre todo, convenios opacos, os medios de comunicación en español. E se Nós Diario existe e resiste é grazas a todas esas persoas subscritoras e compradoras, ao igual que existe un pobo articulado en asociacións como A Mesa pola Normalización Lingüística, quen suple o traballo que debería desenvolver o Goberno galego.

Comentarios