Opinión

Até pronto!

Xa pasaron tres anos desde aquel setembro de 2020 en que Martxelo, ti e eu comezabamos co 'Galeusca de direccións' tras o voso xeneroso convite para crear unha sección que ampliaba as cartas cruzadas entre Martxelo e ti, dándolle así cabida á realidade sociopolítica galega. Ao longo destes tres anos, conteivos neste espazo o que ía acontecendo na Galiza.

Naquela primeira entrega, referíame ao modelo territorial, que tres anos despois segue a ser caduco, ineficaz e incapaz de dar solución aos problemas das nosas nacións, se ben é certo que o debate territorial está máis aberto que nunca. Tamén escribía sobre a imposibilidade de investigar, por corrupción, unha monarquía herdeira do franquismo e sobre un sistema que levaba o CIS a deixar de preguntar sobre a coroa española. Isto segue igual, como o centralismo do "todo pasa por Madrid".

Tampouco mudou a política forestal do Goberno galego, que tanta relación ten cos incendios aos que aludía en setembro de 2020, pois responde aos intereses de Ence, empresa con ligazóns co Partido Popular que inza a Galiza dun eucalipto que alimenta o lume.

Todo vale para tratar de repetir nun cargo ao que accedeu co dedo de Alberto Núñez Feixoo

O máis positivo, sen dúbida, a respecto daquel primeiro artigo ten a ver coa saúde pública. Atopabámonos nun contexto en que sobre parte da Galiza pesaba a prohibición de reunións en que participasen máis de cinco persoas e impedíase o servizo no interior de cafetarías. A situación actual nada ten a ver con aquela, aínda que a día hoxe as Urxencias e centros de saúde sofren unha maior presión polo aumento da incidencia tanto da gripe A como da Covid. O que non mudou foron os recortes pensados para enfraquecer unha sanidade pública que resiste grazas ás súas e aos seus profesionais.

Tres anos e case tres meses despois, atopámonos na Galiza ás portas dunhas eleccións anticipadas ás que concorrerán PP, BNG, PSOE, Sumar –en principio hai un preacordo con Podemos e EU, despois de moitas voltas e reviravoltas–, Democracia Ourensá (partido político do alcalde de Ourense) e Vox. Existen ganas de cambio na sociedade galega, até o punto de que as últimas enquisas que manexan PP, BNG e PSOE apuntan que 60% do electorado quere unha mudanza nun Goberno galego que preside o PP desde 2009.

Na mobilización das galegas e galegos é onde vai estar a chave dunha alternativa para a cal Ana Pontón, candidata do BNG, parte coa situación máis favorábel e cun liderado consolidado. O candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, trata de gañar posicións anunciando as medidas acordadas polo Goberno estatal para a Galiza e tirando do seu cargo como presidente da Comisión de Transportes no Congreso español. Yolanda Díaz, pola súa parte, designou esta semana como candidata, tras explorar outras vías, Marta Lois, portavoz de Sumar na Cámara baixa, e busca ampliar o apoio coas bases de Podemos e de Esquerda Unida. De Democracia Ourensá e de Vox só se sabe, polo momento, que concorrerán aos comicios do 18 de febreiro, mais descoñécense os seus cabezas de cartel.

Rueda, pola súa parte, continúa utilizando os medios de comunicación públicos para venderse como presidente da Xunta da Galiza, aínda que iso supoña participar en programas de humor bailando cunha orquestra ou facer de mediador nunha pedida de man televisada. Todo vale para tratar de repetir nun cargo ao que accedeu co dedo de Alberto Núñez Feixoo. Sabe das limitacións e do desgaste do seu Goberno e de aí que adiantase as eleccións e fixese coincidir o groso da campaña electoral co Entroido, unhas festas consolidadas que se celebran en toda Galiza.

Seguiremos informando, Vicent, cada mes, desde Vilaweb, e compartindo informacións de interese para as lectoras e lectores da Galiza e dos Països Cataláns.

Comentarios