Opinión

Até a volta!

Chegamos ao final da tempada con esta entrega do Galeusca e coa xubilación de Martxelo no horizonte máis próximo. Esperamos que Amagoia Mujika se sume a este intercambio de columnas de opinión e que poidamos idear algo para que as lectoras e lectores da Galiza e dos Países Cataláns poidan seguirte, Martxelo.

Quédannos por diante unhas semanas interesantes, marcadas polas eleccións estatais do 23 de xullo. Realmente, hai dous escenarios posíbeis: unha maioría articulada ao redor do PSOE de Pedro Sánchez, co apoio das forzas nacionalistas, ou unha maioría nucleada ao redor do PP de Alberto Núñez Feixoo -as lectoras e lectores vascos e cataláns ben o coñecedes de lernos nestes anos- da man do ultraespañolismo de Vox. As enquisas apostan por esta última opción, mais nada está fechado nun verán que, desde o punto de vista informativo, non vai resultar aburrido.

De feito, esta última semana asistimos a unha especie de circo no que o PP trataba de vendernos que non pactará con Vox a calquera prezo. O principal exemplo segue a darse en Estremadura, onde a candidata do PP se afana en mostrar distancia a respecto do partido ultraespañolista polo machismo do que fai gala este, mais non nos enganemos. Ao PP non lle importa que o seu socio natural negue a violencia machista nin que sexa racista. Eis os pactos, por exemplo, en Valencia, asinado por un condenado por maltrato e ao que Feixoo, nun exercicio execrábel, desculpou apelando a un “divorcio duro”, ou en Balears, cun indesexábel que menospreza as mulleres. A táctica estremeña busca situarse en mellor posición de cara a un acordo e, á vez, branquear os pactos entre estas dúas formacións que comparten tantos vasos comunicantes.

Dos resultados do 23-X vai depender o cumprimento de importantes compromisos coa Galiza que, de momento, non se concretaron. Eis, por exemplo, o caso da transferencia da AP-9, que os partidos españois apoian na Galiza e, repetidamente, tomban cando as propostas parlamentarias chegan a Madrid. A aprobación de medidas que beneficien a Galiza vai estar moi condicionada polo peso que teña o nacionalismo galego no Congreso, para ser quen de supeditar as accións do Goberno español.

Lémonos en setembro!

Comentarios