Opinión

As Letras Galegas

O 17 de maio de 1963, hai case 60 anos, botaba a andar a conmemoración do Día das Letras Galegas. Unha xornada de reivindicación da lingua e das letras galegas no contexto do franquismo, réxime hostil á pluralidade e diversidade lingüística e que afondou no proceso de imposición do español na Galiza, iniciado -como ben estudou Carlos Callón- coa monarquía dos Reis Católicos a comezos do século XV. Esa substitución do español polo galego adoptou novas formas a partir do século XIX, como parte do proxecto de conformación da identidade española.

A situación da lingua galega mudou nestes sesenta anos. Malia os aparentes avances formais derivados da institucionalización dunha suposta cooficialidade que permitiu entrar ao galego timidamente en ámbitos tradicionalmente vetados, como o ensino, o idioma que é propio da Galiza entrou nas últimas décadas nun acelerado proceso de perda de falantes, exemplificado na caída de galegofalantes entre as novas xeracións. Neste sentido, os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) reflicten que 23,90% das persoas menores de 15 anos son incapaces de falar en galego.

Mentres arredor de 500 normas obrigan ao emprego do castelán, non existe ningún texto legal que estabeleza a necesidade de usar o galego

A desigualdade entre o galego e o español é evidente en todos os ámbitos sociais. Ademais, mentres arredor de 500 normas obrigan ao emprego do castelán nun amplo abano de esferas da vida social, non existe ningún texto legal que estabeleza a necesidade de usar o galego, conforme á doutrina asentada polo Tribunal Constitucional en diferentes sentenzas. Ademais, a día de hoxe non existe na Galiza ningunha liña pública de ensino íntegro en galego, tras suprimilas o primeiro Goberno de Alberto Núñez Feixoo.

O autor homenaxeado na vixente edición do Día das Letras Galegas é Francisco Fernández del Riego. Precisamente, foi el quen propuxo e impulsou hai 60 anos a organización desta data, para promover o proceso de galeguización da sociedade e de valorización da nosa cultura. O camiño emprendido en 1963 está por facer e o tempo corre en contra dos obxectivos marcados, que son unha parte esencial das razóns de ser de todos os días do ano en Nós Diario.

Comentarios