Opinión

Ao rescate da banca (privada)

Martxelo, Vicent, a crise financeira é a noticia. A intervención por parte da Reserva Federal dos Estados Unidos do Silicon Valley Bank e o posterior fechamento de Signature Bank puxeron sobre a mesa algo que xa intuïamos e que de maneira recorrente se negaba: a debilidade do sistema financeiro e os problemas importantes que leva ás costas. É aínda pronto para coñecer o alcance real da crise, mais a caída do Credit Suisse -sobre o que pesaban dúbidas desde había meses- a mínimos históricos non augura nada bo.

Volveu ficar ao descuberto a ausencia de mecanismos reguladores e de control e a falta de creto das auditoras. Dúas semanas antes da caída do Silicon Valley Bank, KPMG, unha das coñecidas como big four, validaba as contas do que era un xigante con pés de chumbo. Esta mesma auditora asinara un "diagnóstico acelerado de viabilidade" encargado pola Xunta da Galiza para resolver a fusión entre as dúas caixas galegas nun proceso que resultou un fracaso e que derivou nunha desfeita para o sistema financeiro galego.

O rescate bancario iniciado polo PP a raíz da crise de 2008 supuxo graves recortes ás maiorías sociais

Anos despois da unión e debido á comisión de investigación aberta sobre o rescate á banca no Congreso español, KPMG asegurara que o encargado polo Goberno daquela presidido por Alberto Núñez Feixoo non era nin unha "auditoría" nin un "aval á solvencia" da fusión. Apuntou entón que os principais aspectos destacados polo Executivo do hoxe xefe da oposición no Estado español non se correspondían coa realidade e que o informe, cuxo prezo ascendeu a 1 millón de euros, non recollía "recomendacións sobre a conveniencia de levar a cabo ou non a fusión".

A conclusión do proceso de fusión liderado por Feixoo é de sobra coñecida: máis de 8.000 millóns de axudas públicas á entidade resultante da unión de ambas as caixas e que, posteriormente, foi vendida a prezo de saldo a Juan Carlos Escotet. Unha mostra máis do rescate bancario iniciado a raíz da crise de 2008 e que supuxo graves recortes ás maiorías sociais. Un rescate que o PP segue a defender, mesmo empregando a falacia de que as axudas ían destinadas á banca pública. Un rescate que é unha pantasma máis presente que nunca.

Comentarios